A documentación
Rematadas as sucesivas actuacións de organización e descrición dos fondos documentais conservados no arquivo municipal inventariáronse un total de 6.119 unidades de instalación, con testemuños documentais que presentan unhas datas extremas do período interanual de 1879 ata o 2015.
Como curiosidade nesta última fase de tratamento documental apareceu un pergamiño, escrito en portugués, datado en 1688, que facía de tapa a outro documento sen data, referido a un “Prorrateo de aguas de la Virgen del Camino en la parroquia de Revordanes hecho por Don Juan Gil de la Barrera vecino de la ciudad de Tui”. Este pergamiño, que inicialmente non ten relación co documento que resgardaba, é unha “carta de quitaçao” dada polo rei de Portugal Pedro ós herdeiros de Ignacio Monteiro de Souza, almoxarife falecido que prestaba os seus servizos na “Caça do Passo da Madeira”. É intención do concello a súa limpeza e restauración iniciándose xa os contactos coas institucións que puideran desenvolver este proceso.
Veñen de reintegrarse ao arquivo municipal os documentos propios depositados no seu día no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, que inclúen as primeiras actas municipais conservadas (1597 a 1775) e copias das Xuntas do Reino de Galicia dende 1608 a 1834, algún preito, cartas ordes e diversos papeis do século dezaoito. Tdos eles atópanse xa a disposición dos investigadores e usuarios.
Pese a que a maior parte da documentación corresponde ó século vinte aínda se aprecia un elevado volume documental do dezanove, destacando os libros de actas municipais dende 1782, con documentos de quintas dende 1874, de patrimonio dende 1849, de persoal ou contratación dende 1874, dos presupostos municipais dende 1845, dos padróns de habitantes dende 1884 ou das eleccións dende 1891.
Naquela documentación máis actual destaca especialmente polo seu volume e aportación porcentual a derivada da xestión e control urbanístico, das obras propias e dos particulares e, sobre todo, do control presupostario e da xestión tributaria.
Este conxunto documental, hoxe correctamente disposto para o seu uso e manexo, conta cunha completa gama de instrumentos de descrición que permiten a súa valoración e recuperación. O cadro de clasificación deste arquivo e o seu inventario somero complétanse cunha exhaustiva descrición, a nivel de expediente en moitas series, a disposición de calquera interesado tanto no propio Concello como no Arquivo da Deputación Provincial de Pontevedra, nunha base de datos formada 45.697 rexistros diferentes.
|