O Pazo Provincial acolle a celebración da mesa sectorial de análise económico para a elaboración do Plan Estratéxico Provincial
DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA Plan Estratéxico Provincial 2010 11 OUTUBRO 2004
O Pazo Provincial acolle o vindeiro mércores, día 13 de outubro, a celebración da primeira das mesas sectoriais que analizarán cada unha das nove áreas temáticas recollidas nos informes sectoriais encargados a expertos universitarios dentro da fase de descrición e diagnóstico na elaboración do Plan Estratéxico Provincial.
Esta primeira mesa sectorial refírese á análise elaborada polo profesor Xosé Luís Outes, catedrático de economía Aplicada na Universidade de Vigo, verbo do sector económico da provincia e consistirá en pasar polo filtro doutros expertos o documento do profesor Outes. Con esta primeira mesa, iníciase a segunda fase do Plan Estratéxico, a de formulación estratéxica.
Así, participan na mesa sectorial de análise económica o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Alvariño; a economista de UXT Galicia Mar Alfonsín Madrigal; Maica Bouzas Seoane, do gabinete económico de CC OO Galicia; o secretario comarcal da CIG en Pontevedra, Rafael Iglesias García; o tesoureiro da Cámara de Comercio de Pontevedra, Francisco Moldes; a directora xerente do Instituto de Comercio Exterior de Galicia, Dolores Loureda Mantiñán; o delegado da Consellería de Asuntos Sociais en Pontevedra, Joaquín Macías; a directora do IGAPE, Margarita Rodríguez Rama; a responsable do programa Eures Transfronterizo, Teresa González Ventín; o director de Vasco Gallega de Consignaciones, Juan Martínez Domínguez. Completarán esta mesa dous funcionarios da Deputación: o director do ORAL, Jesús Fernández Chao, e a técnica de Emprego da institución provincial, Marta Iglesias Bueno.
O documento elaborado polo profesor Xosé Luís Outes sobre o sector económico da provincia que servirá de base de discusión para esta mesa sectorial é unha análise que vai dende os condicionantes da economía europea e española en Pontevedra ata a evolución da economía da provincia, do emprego e dos niveis de actividade, da densidade de poboación, do tráfico e das comunicacións, da economía exterior e dos niveis de renda e índices de benestar.
|