[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
XOVES, 28 DE MARZO DE 2024
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Arquivo Deputación Provincial
Patrimonio Documental Provincial
Patrimonio Bibliográfico
Biblioteca
Hemeroteca
Cartoteca
Audiovisuais
Editorial

 

Presentación Editorial:

Antón Alonso Ríos. Siñor Afranio



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Patrimonio Documental e Bibliográfico

20 ABRIL 2021


Cando na primavera de 2017 comezou a fraguarse a edición desta publicación que hoxe se presenta de maneira oficial, pouco imaxinabamos as voltas que daría, polas propias vicisitudes do proceso editorial e polos acontecementos froito da irrupción da pandemia nas nosas vidas.

O interese que desde sempre suscitou a figura de Antón Alonso Ríos e o seu periplo en terras arxentinas determinou a decisión por parte da Deputación de Pontevedra de sacar á luz de novo aquela publicación da súa autoría, agora xa descatalogada, que levaba por título Siñor Afranio ou Como me rispei das gadoupas da morte.





Esta publicación de Siñor Afranio é unha nova contribución ao coñecemento sobre a figura e o pensamento de Antón Alonso Ríos.

Este silledense emigrado e logo exiliado na Arxentina, escolleu Tomiño para levar á práctica os seus postulados pedagóxicos e políticos, erguéndose como unha figura de grande interese que nos leva a priorizar esta nova edición que agora vimos de publicar.

Trátase dun conxunto de relatos que o sitúan nun lugar importante no devir da historia de Galicia. As situacións límite que vive Siñor Afranio de Amaral, personaxe fascinante que encarna o propio Alonso Ríos, compoñen un relato autobiográfico, no que destacan as súas facetas como agrarista e galeguista, como pedagogo e educador, como líder do asociacionismo galego en Bos Aires, fuxido durante os primeiros meses da Guerra Civil e exiliado á Arxentina,

Nos seus relatos, nos que adoitaba referir as súas vivencias no Centro Galego de Bos Aires, agora plasmados en papel, Alonso Ríos fala das súas memorias como fuxido das forzas fascistas sublevadas en 1936. Un periplo que o levou polo sur do territorio galego ao longo de máis de dous anos, durante os que se agochou no monte, nas casas amigas, ou se fixo pasar por mendigo, até que logrou chegar a Bos Aires do que xa saíra anos antes co fin de defender a causa agrarista no outro continente.

Como mestre de gran formación era coñecedor do poder que a educación podía ter como acicate de sentimentos, “reforzando os resortes morais e temperando o carácter”, facendo que a escola fose berce dunha sociedade renovada que “espertase á vida”, de maneira que unha nova conciencia liberase a todas aquelas persoas que estaban baixo o control da nobreza e o clero.

No seu discurso está sempre presente a idea de xenerosidade como actitude á hora de ir ao campo, para o que reclama modernas reformas nas escolas, bibliotecas e ámbitos de traballo, á procura dun modelo innovador que salvase a situación precaria do campesiñado.

Como político destacou pola súa magnífica oratoria, pero máis aínda como activista, condición que o diferenciaba doutros líderes que expoñían o seu pensamento en terras galegas. O seu paso por Cataluña marca definitivamente a súa forza canto a loita por proclamar un “Estado galego”, froito dunha busca incansable do autogoberno do país baixo a fórmula inicial de “Federación de Pobos Ibéricos”, así como a defensa do galeguismo e o apoio ao Estatuto de Autonomía de Galicia. A fuxida obrigada a Bos Aires, onde o esperaban a súa muller e fillos, representa unha especie de retorno a un lugar coñecido, onde retomou o liderado na comunidade galega de Bos Aires que anhelaba unha república que xa só se antollaba federal.

Foron moitos os insignes persoeiros que o respectaron e admiraron. Entre eles, Castelao encúmbrao como “o home chamado a espertar e dignificar o agrarismo”. El é o autor do limiar ao libro de Alonso Ríos Co Pensamento na patria galega (Buenos Aires, 1942), que podemos ler no apéndice desta edición.

Ademais dos propios relatos de Siñor Afranio, os textos dos magníficos autores que se recompilan nesta edición achégannos ó seu labor como político, como mestre, ou noutros casos mostran a súa dimensión máis humana a través dos recordos. Conforman, pois, o retrato dun home que se entregou á causa galega e que faleceu sendo o máximo representante do Consello Galego no exilio, onde seguíu a estela de Castelao como presidente.

A figura de Alonso Ríos constituirá sempre a representación da loita a prol do agrarismo e galeguismo a través da temperanza e a agudeza estratéxica, que unha vez máis queda reflectida nas páxinas dunha publicación coma esta.

Esta publicación que hoxe podemos xa disfrutar, contribuíndo unha vez máis desde a Deputación de Pontevedra á constitución dun corpus bibliográfico que non esqueza as persoas que protagonizaron un esforzo polo engrandecemento de Galicia.


Ficha catálogo Editorial



BUSCAR NAS NOVAS
MARZO 2024
LMMXVSD
123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
 HOXE 

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 20/04/2021 10:57
Copyright © 2002-2024, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/