[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
LUNS, 30 DE XANEIRO DE 2023
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Cultura » Cultura
Páxina Principal
Servizos
Cultura
Subvencións
Plan Cultural
Colaboracións
Premios
Programas educativos-culturais para escolares
Exposicións e certames
Certame de bandas de música
Ligazóns

Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte
CULTURA 

Historial das agrupacións


Banda Artística de Merza

Biografía do director

José Rodríguez Ramos nace en Araño (Rianxo). Ós sete anos empeza os seus estudos musicais en Évian-Les-Bains (Francia), facendo o seu debut na banda municipal desta localidade tres anos máis tarde.

De regreso a España prosegue a súa formación de trompeta e inicia piano no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Durante esta etapa pasa a formar parte da Banda Infantil de Taragoña. Máis tarde trasládase a Santiago de Compostela, onde segue estudando trompeta co mestre Maximino Boga no conservatorio de dita cidade.

Desde o ano 1988 en diante conflúen unha serie de circunstancias que marcarán o seu futuro profesional. En primeiro lugar, pasa a formar parte da Banda Municipal de Santiago de Compostela, agrupación na que presta os seus servizos durante tres anos. É nesta época cando asiste a varios cursos con José María Ortí Soriano, profesor do Conservatorio Superior de Música de Madrid e trompeta solista da Orquesta Nacional de España. A partir de aquí compaxina as clases que este profesor imparte na academia Santa Cecilia de Madrid cos estudos oficiais no Conservatorio Superior de Música de Santiago de Compostela, onde obtén o título de profesor superior de trompeta.

En 1990 ingresa por oposición na Banda de Música Municipal da Coruña. Nesta nova etapa imparte cursos en diversas localidades da xeografía galega e tamén colabora coas máis diversas agrupacións do noso país, como poden ser o Grupo de Metais Santa Cecilia de Ferrol, o Grupo de Metais de Santiago de Compostela, Coruña Brass, o Grupo de Metais de Galicia, a Banda Sinfónica de Galicia, a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Orquestra de Cámara da Coruña, coa que actuou de solista.

Outras das súas facetas musicais foron as de colaborar en varias escolas de música, impartir clases de trompeta no Conservatorio Profesional de Música de Ferrol ou a de dirixir a Banda de Música de Vilalba. Así mesmo, continúa perfeccionándose no seu instrumento con profesores da talla de Vicente Martínez, Juan Carlos Alandete, Benjamín Moreno e segue regularmente os cursos que imparte José Ortí.

Foi trompetista da Banda Municipal da Coruña e director da Banda Artística de Merza ata o ano 2003.

Actualmente é profesor de trompeta do Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

Historial da agrupación

Fundada en 1828, a Banda Artística de Merza é a agrupación popular máis antiga de Galicia.

O primeiro director do que se ten constancia foi Anselmo González, ó que sucedería un neto seu, Roxelio Otero. Baixo a batuta deste director, en 1930, a banda dividiuse en dúas agrupacións orixinando así a banda de música vella, dirixida polo citado mestre e por Mariano Rodríguez; e a banda de música nova, dirixida por Ramón Sueiro e Manuel Blanco. O 13 de xullo de 1939, baixo a dirección de Xesús Cao González, vólvense xuntar ambas formacións.

Ó longo da súa dilatada traxectoria foron moitos os directores que pasaron pola “artística”; entre os máis destacados figuran: Xosé Fiuza, Francisco Beristain, Enrique González, Rafael Aladrén, Feliciano Cagide, Francisco Ortega, Enrique García Rey, Antonio Castro, Amadeo Valero (subdirector da “Banda del Generalísimo”), Antonio Amigo, Alejandro del Río, Miguel de Santiago, Vicente Paniagua, Xurxo Guzmán, Serge Fortín e José Rodríguez Ramos, actual director.

Así mesmo, interviñeron directores convidados coma Marcel van Bree, Carlos Seráns, Xosé Casal ou Xosé Manuel Collazo.

A Banda Artística de Merza actuou ó longo de toda a xeografía galega, Asturias, Valencia e Portugal, sen esquecer as xiras realizadas por Venezuela en 1982 e 1992, e por Arxentina no ano 2000.

Actúa asiduamente en festivais e certames de recoñecido prestixio, Vigo, Valadares, Cangas, O Rosal, Santiago de Compostela, Ourense, Lalín, Vila de Cruces, Catoira, Castrelo, Gres, Ordes, Meaño, Boqueixón, Monçao (Portugal), Valencia,... e tamén en gravacións para distintos programas da radio e da televisión de Galicia. En 1981 edita o seu primeiro disco titulado “Bandas galegas”, e en 1998 o seu primeiro CD “101 anos de tradición musical”.

Entre os premios conseguidos por esta banda, cabe destacar os seguintes:

  • Primeiro premio no Certame de Bandas de Música de Santiago de Compostela, 1911.
  • Terceiro premio no Certame de Bandas de Música de Cangas, en 1985.
  • Terceiro premio no Certame Celta que tivo lugar en Vigo, en 1986.
  • Terceiro premio no Certame de Bandas de Música de Lalín, en 1990.
  • Mención de honra no I Certame Galego de Bandas de Música Populares, organizado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e a compañía RTVG, en 1995.
  • Segundo premio na sección segunda do Certame Internacional de Bandas de Música “Ciudad de Valencia”, no 2002.
  • Primeiro premio e mención de honra no II Certame Provincial de Bandas de Música Deputación Provincial de Pontevedra, no 2002.
  • Premio da Cultura do Concello de Vila de Cruces, no 2003.
  • Primeiro premio no III Certame Provincial de Bandas de Música Deputación Provincial de Pontevedra, no 2003.

A finais dos anos 70 comeza a traballar na escola de música da banda, que nun principio contaba con dous mestres, Amadeo Valero e Ramón Guzmán.

Na actualidade, en colaboración co Concello de Vila de Cruces, conta cun claustro de catorce profesores que atenden a máis de cen alumnos, garantindo así a actividade musical.

Desde a escola poténciase, ademais do traballo individual, a asistencia a cursos, a creación de grupos de cámara, bolsas de estudo, e a Banda Xuvenil da Banda de Música Artística de Merza, como reflexo do traballo realizado por mestres e alumnos.

Hoxe en día a Banda Artística de Merza, con máis de noventa músicos federados, moitos deles profesionais, está considerada unha das mellores e máis atractivas da Comunidade Autónoma galega.




Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 15/09/2004 08:27
Copyright © 2002-2023, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/