[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
LUNS, 30 DE XANEIRO DE 2023
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Cultura » Cultura
Páxina Principal
Servizos
Cultura
Subvencións
Plan Cultural
Colaboracións
Premios
Programas educativos-culturais para escolares
Exposicións e certames
Certame de bandas de música
Ligazóns

Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte
CULTURA 

Historial das agrupacións


Banda-Escola de Música de Beade

Biografía do director

Javier Viceiro Filgueira nace en Pontevedra en 1973 e realiza os seus estudos musicais no Conservatorio Superior de Música de Vigo e no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, onde adquire a súa licenciatura, especialidade de trompeta; as ensinanzas de grao superior realízaas con José Mª. Ortí Soriano, catedrático de trompeta e solista da Orquestra Nacional de España.

En 1991 obtén a praza de suboficial músico das Forzas Armadas Españolas. Posteriormente, en 1996, ingresa por oposición no corpo de profesores de música e artes escénicas da Xunta de Galicia; actualmente é profesor de trompeta no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

En canto á súa experiencia camerística, é membro do grupo de metais “Santa Cecilia”–Cidade de Ferrol desde 1990, co que realizou diversas gravacións para a TVG e para a Radio Clásica, varios ciclos de concertos monográficos, numerosos concertos didácticos e varias estreas de obras-encargo dos compositores Tomás Marco, Juan Durán, Paulino Pereiro, Juan Viaño, etc.

Da súa experiencia orquestral hai que citar a colaboración como instrumentista na temporada 1993-1993 coa Orquestra Sinfónica da Radio Televisión Española (ORTVE), da que sobresaen un programa monográfico de Strawinsky, “A consagración da primavera”, “A sinfonía dos salmos” e “A sinfonía para instrumentos de vento”; as súas asiduas participacións coa Orquestra Sinfónica de Galicia (A Coruña); coa Real Filharmonía de Galicia (Santiago de Compostela) e as numerosas temporadas de traballo na Xove Orquestra de Galicia, de entre as que cabe destacar as numerosas representacións pola xeografía galega e portuguesa da obra músico-teatral “A historia do soldado”, de I. Strawinsky, que gravou para a TVG.

No campo pedagóxico, ademais de desenvolver, segundo se mencionou anteriormente, o seu labor docente no Conservatorio Superior de Música de Vigo, é profesor de música de cámara e trompeta na Escola Profesional de Música de Viana do Castelo (Portugal). Impartiu tamén diversos cursos de técnica e interpretación trompetística en diferentes puntos da xeografía peninsular -Arzúa, Tui, Cambados, Vigo, ...- e de Portugal.

Empeza os seus estudos de dirección de orquestra con James Ross e Marcel van Bree en 1997, ocupando, paralelamente, o posto de director da Banda Municipal de Silleda (Pontevedra). En 1999 pasa a ser director titular da Banda -Escola de Música de Beade (Vigo). No ano 2000 inicia o “Corso superiore di direzione di banda” con estudos de dirección, composición, instrumentación e organoloxía cos mestres Jan Cober, Felix Hauswirth e Armando Franceschini no ISEB (Istituto Superiore Europeo Bandístico) en Trento–Italia. Este ano 2001 foi director invitado da Orquestra Clásica de Vigo e na actualidade cursa a diplomatura en dirección no Conservatorio de Música de Maastrich (Holanda).

Historial da agrupación

A Banda-Escola de Música de Beade nace en 1985 pero ata 1989 non conta con profesores especializados nos diferentes instrumentos, momento no que asume a dirección artística Javier Comesaña Pereira; baixo a súa batuta a banda-escola realiza gravacións para a Radio Galega, grava o seu primeiro LP ou organiza cursos de perfeccionamento instrumental, entre outras moitas actividades. Desde 1992 deica outubro de 1999 Julio Vázquez Martínez foi o director titular desta banda-escola. Nese mes de outono Javier Viceiro Filgueira, mestre e profesor de trompeta no Conservatorio Superior de Música de Vigo e actual director titular, toma o relevo no excelente labor realizado polos seus antecesores.

No terreo de premios e certames a banda-escola está conseguindo grandes éxitos, tanto a nivel galego coma nacional, dos que se poden destacar os seguintes:

  • Terceiro premio no I e II Certame Galego de Bandas de Música Populares, dos anos 1995 e 1996, organizados pola Xunta de Galicia; na última edición presentáronse cunha adaptación inédita para banda.
  • Segundo premio no “XX Certamen Internacional de Bandas de Música Ciudad de Valencia”, que tivo lugar no Palau da Música desa cidade; foi a primeira agrupación galega en participar.
  • Primeiro premio no “VII Certamen Internacional de Bandas de Música Villa de Leganés”, 1997.
  • Terceiro premio no “LIII Certamen Nacional de Bandas de Música Ciutat Cullera”, que tivo lugar nesa localidade valenciana en 2001.
  • Primeiro premio en 2001, no apartado de Bandas de Música, no “II Día da Música Xove”, organizado pola Xunta de Galicia, desenvolveuse na localidade coruñesa de Sada.
  • Terceiro premio na sección primeira do I Certame Provincial de Bandas de Música Populares “Deputación Provincial de Pontevedra”.
  • Primeiro premio acadado na sección primeira do “II Certame Provincial de Bandas de Música” organizado pola Excma. Deputación Provincial de Pontevedra. Tamén neste certame se lle concedeu o premio á mellor interpretación da obra obrigada entre todas as bandas participantes nas catro seccións que comprendía o certame.
  • Primeiro premio, no ano 2003, no Certame Nacional de Campo de Criptana- Ciudad Real.
  • Primeiro premio e Mención de honra na sección primeira do III Certame Provincial de Bandas de Música Deputación Provincial de Pontevedra (2003).

En marzo de 2002 a banda-escola edita un CD no que se recollen diferentes estilos musicais, así como pezas compostas expresamente para banda.

Son salientables á súa vez os intercambios culturais que esta agrupación vén realizando con bandas de diferentes puntos da xeografía peninsular, Madrid, Oviedo, Valencia, Valladolid, Monçao, Tomar, ... Participou ademais en infinidade de festivais musicais de Galicia (Meaño, Ribadeo, Silleda, Barro, O Rosal, ...).

Colaborou así mesmo con agrupacións e grupos folclóricos como A Roda ou Muxicas.

Dentro das actividades organizadas por esta agrupación destacan, entre outras, o Outono Musical, ciclo de concertos que se desenvolven durante o mes de outubro, e o Concerto-Homenaxe do Día das Letras Galegas, no que cada ano a banda-escola conta cun director invitado e se lle rende homenaxe a un compositor galego.

No campo didáctico destaca o achegamento á música que a banda-escola fai todos os anos polos colexios da zona. É unha maneira práctica á vez que amena de conseguir que os nenos se afeccionen a esta arte. É de subliñar tamén a banda xuvenil da escola que, composta por corenta e cinco rapaces, é o gran futuro da agrupación e que, ademais, xa participou en diferentes festivais e concertos. Pero son moitos máis os alumnos que este curso están matriculados na escola de música, uns cento cincuenta, o que destaca a importancia das bandas de música e das súas escolas nos diferentes emprazamentos xeográficos nos que se atopen e que fai que vexamos un futuro esperanzador para a nosa cultura musical e bandística.




Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 15/09/2004 08:26
Copyright © 2002-2023, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/