[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
LUNS, 30 DE XANEIRO DE 2023
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Cultura » Cultura
Páxina Principal
Servizos
Cultura
Subvencións
Plan Cultural
Colaboracións
Premios
Programas educativos-culturais para escolares
Exposicións e certames
Certame de bandas de música
Ligazóns

Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte
CULTURA 

Historial das agrupacións


Unión Musical de Valladares

Biografía do director

José Iglesias Ramilo, natural e veciño de Valladares (Vigo), é membro dunha familia numerosa moi vencellada á música pois seu pai e a maioría de seus irmáns son tamén compoñentes da banda de música que el mesmo dirixe.

Inicia os seus estudos musicais ós dez anos na Escola de Música da Unión Musical de Valladares, ós once xa forma parte da banda de música tocando o clarinete baixo a batuta do profesor Alfonso Méndez quen, anos máis tarde, en 1971, o propuxo para sucederlle na dirección.

Así, en 1971, con tan só 14 anos, convértese en director da Unión Musical de Valladares.

Formouse nos conservatorios de Vigo, A Coruña e Madrid. Por oposición consegue en 1978 unha praza de suboficial músico do exército de terra, tocando o óboe, praza á que renuncia en 1985 para dedicarse plenamente á dirección da Unión Musical de Valladares, á Escola de Música de Valladares e á dirección da Coral Polifónica do Centro Cultural de Valladares.

Atribúeselle o rexurdimento da banda de música, que, baixo a súa dirección, obtivo os maiores éxitos da súa historia, e así, en 1996, con motivo de cumprirse os 25 anos á súa fronte, o Centro Cultural de Valladares e maila Unión Musical de Valladares organizan un acto homenaxe ó seu director.

Conta no seu haber con numerosas composicións, das que podemos citar, entre outras, os pasodobres Centro cultural, Desfilando, Al paso de la banda, Electro radio Comesaña, as marchas de procesión Santa Cecilia, El buen pastor, as xotas Troulada, Os romeiros, etc., e é especialista en instrumentación de música de baile para banda de música.

En 1994 e 1995 o titular de cultura do Concello de Vigo, Francisco Santomé, encárgalle a formación dunha banda sinfónica con músicos seleccionados entre as bandas de música da bisbarra para ofrecer con grande éxito diversos concertos polo que é condecorado coa insignia de ouro do dito Concello.

En 1998 a corporación municipal viguesa, a proposta do alcalde de Vigo, Manuel Pérez Álvarez, noméao vigués distinguido, premio ó seu importante labor musical desenvolvido en Valladares.

Historial da agrupación

A Banda de Música Unión Musical de Valladares fundouna no ano 1902 un grupo de afeccionados que pouco a pouco a impulsaron e renovaron, sen deixar que en ningún momento desaparecese.

A súa actividade socio-cultural xira en torno ó seu Centro Veciñal e Cultural de Valladares, no que se desenvolven todas as actividades culturais, deportivas e veciñais, aínda que algunhas delas con propia autonomía, como é o caso da Banda de Música Unión Musical de Valladares, por ser a entidade máis antiga da parroquia.

Vivíronse grandes momentos artísticos durante os anos 50, con directores coma Hernán Cortés, Demetrio, José Pena, Manuel Vázquez, José Oro Val, Plácido Lorenzo, Alfonso Méndez, entre outros Este último foi o que iniciou un profundo renovamento nos integrantes, ata que en 1971 se apostou por un alumno da escola de música para sucederlle na dirección. Este alumno é desde ese momento o director José Iglesias Ramilo que daquela tiña só 14 anos. Actualmente esta banda de música conta con 85 músicos.

A actividade da banda de música iníciase na súa escola de música, que conta con mestres titulados de grao medio e superior, doce especialidades musicais e máis de cen alumnos dos cales os máis avanzados forman, a Agrupación Musical da Escola de Música de Valladares.

Anualmente realízase un programa de concertos dedicados ós amigos da música, froito do convenio que as bandas de músicas populares de Vigo manteñen co Concello de Vigo, o programa de concertos concertados coa Deputación Provincial de Pontevedra, a participación en varios festivais de bandas música que teñen lugar na nosa Comunidade Autónoma, a participación en festas e romarías típicas de Galicia, o concerto anual de Nadal no Centro Cultural Caixanova e acompañando ós coros do Real Club Naútico de Vigo e do Centro Veciñal e Cultural de Valladares.

Esta agrupación conta xa con cinco edicións discográficas en CD e casete.

Nos últimos anos participou en diferentes certames obtendo importantes premios: - Primeiro premio no Certame de Bandas de Música de Galicia en 1985 - Primeiro premio no Certame de Bandas de Música de Galicia en 1986 - Primeiro premio no Certame de Bandas de Música de Galicia en 1991 - Segundo premio no Certame de Bandas de Música de Galicia en 1996 - Segundo premio, na sección segunda, no Certame de Bandas de Música “Ciudad de Valencia”, en 1997 - Segundo premio no Certame de Bandas de Música “Villa de Altea” (Alacante), no 2000. - Segundo premio, na sección primeira, no I Certame Provincial de Bandas de Música Deputación Provincial de Pontevedra, no 2001 - Segundo premio, na sección primeira, no II Certame Provincial de Bandas de Música Deputación Provincial de Pontevedra, no 2002

Recentemente tivo lugar a conmemoración do seu primeiro centenario cun extenso programa de concertos no que participaron dezaseis bandas de música de Galicia, moitas delas con directores que son membros da Unión Musical de Valladares.




Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 15/09/2004 08:24
Copyright © 2002-2023, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/