Historial das agrupacións
Banda de Música Unión de Guláns
Biografía do director
Alicia Porto Fernández naceu en 1972 en Guláns (Ponteareas) no seo dunha familia de longa tradición musical. Ós oitos anos comeza os seus estudos musicais na escola da Banda de Música Unión de Guláns, e ós 10 entra a formar parte desta. Ó ano seguinte inicia os estudos de clarinete no Conservatorio Superior de Música de Vigo e continúa nel ata que empeza a súa formación universitaria, na especialidade de bioloxía, polo que se traslada a Santiago de Compostela onde permanece ata que remata ambas carreiras. Neste período faise cargo da Escola de Música da Unión de Guláns, así como da subdirección de dita banda de música na que terá como mestre de excepción a Hipólito Fernández.
Amplía os seus coñecementos de harmonía, formas musicais e contrapunto co mestre Sergio Álvarez. Asiste tamén a diversos cursos de clarinete e de dirección de banda de música cos mestres Jon Cober e Javier Viceiro.
Na actualidade dirixe a Banda de Música Unión de Guláns, a Nova Lira de Monterroso e a escola de música asociada a esta última. Forma parte como clarinetista da Banda de Música da Federación Galega de Bandas de Música e imparte clases de clarinete e solfexo na Escola de Música de Guláns. Así mesmo, prosegue cos seus estudos de clarinete, dirección e percusión.
Historial da agrupación
En 1870, en Guláns, aldea da vila de Ponteareas, nace a Banda de Música Unión de Guláns, unha das máis antigas de Galicia. O seu fundador e primeiro director foi José Carracedo Alonso ó que seguindo a tradición familiar lle sucederon, o seu fillo Constante e, despois, o seu neto José mantendo así viva esta agrupación musical ata deica 1947.
Da Escola de Música da Unión de Guláns, así como da participación na banda de música xurdiron recoñecidos músicos, tanto a nivel instrumentista coma de directores e compositores. A modo de exemplo podemos citar a Rogelio Groba Groba, director da Unión de Guláns de 1947 a 1952 e posteriormente director da Banda de Música municipal da Coruña durante máis de vinte anos, sendo ó mesmo tempo director de conservatorio de música da dita cidade, consagrándose neste período como compositor de renome internacional.
Igualmente importantes, despois de 1952 e ata 1959, foron as participacións na banda de música como directores de Miguel Groba Groba e de Indalecio Fernández. O primeiro é o actual director do Coro e Orquestra de Cámara da Comunidade de Madrid e profesor do Real Conservatorio de Música desa cidade. O segundo foi director da banda de música da cidade de Lugo, hoxe tras Rogelio Groba Groba é director da Banda de Música Municipal da Coruña.
A esta serie de directores gulanseses seguíronlle a partir de 1959 os foráneos Antonio Baquero, Francisco Rodríguez, José Fariñas e Rogelio Loureda para en 1968 facerse cargo da batuta novamente outro discípulo da banda de música, José Carracedo Pousada (bisneto do fundador), sendo baixo a súa dirección galardoada no Concurso de Bandas Populares da cidade de Ourense en 1971. En 1972 e por mor do traslado de José Carracedo ó Real Conservatorio de Música de Madrid, sucédeo no cargo novamente outro foráneo: Javier Basoco, seguido de Plácido Lorenzo, de José Aradas, de Alfonso Méndez, de José Guillén e de José Oro-Val, ata finais de 1982.
Ese ano asume a dirección da banda de música outro mozo do lugar, José Fernández Prego, que coma todos os gulanseses anteriores é froito da formación musical que a agrupación mantén regularmente desde hai máis de cen anos. A finais de 1991 recórrese a outro foráneo, neste caso o recoñecido músico ourensán Hipólito Fernández Fernández, persoa que polos seus coñecementos, sensibilidade e constante entusiasmo conseguiu imprimirlle á Unión de Guláns unha nova dinámica, elevando o nivel artístico-musical desta a tal punto que quizais neste intres sexa o mellor de toda a súa historia.
Durante estes últimos anos alterna a batuta con Hipólito Fernández Fernández, a nova promesa Alicia Porto, gulansesa e, coma todos os seus conveciños que pasaron pola banda de música, xorde tamén da escola continua que a Unión de Guláns desenvolve.
A Banda de Música Unión de Guláns, está constituída por 45 compoñentes, na súa gran maioría mozos que ademais de participar na escola da banda realizan cursos profesionais de música, dos cales máis do 90% son naturais e veciños de Guláns. A banda de música interpreta os máis diversos xéneros musicais como: clásica, zarzuela, lixeira, típica galega, ...
A media anual de actuacións da Unión de Guláns é de 60 espectáculos, distribuídos entre concertos, actos culturais, recreativos, festas populares, ... na súa maioría en Galicia. Destacamos como máis significativas as seguintes actuacións e participacións.
- 1979.- Gravación dun L’P
- 1985.- Participación na banda sonora da película La hora bruja
- 1986.- Inauguración do auditorio Reveriano Soutullo
- 1989.- Participación no programa da TVG O son dun pobo
- 1991.- Actuación no Colexio San Agustín de Salamanca
- 1992.- Participacións nas festas Brueguel da cidade de Bruxelas
- 1993.- Participación no programa Luar da TVG
- 1994.- Participación nos programas Galicia enteira da TVG e Desde Galicia para o mundo de TVE
- 1997.- Inscrición da escola de música no Rexistro Oficial de Escolas de Música da Xunta de Galicia
- 1998.- Gravación da agrupación e edición en cinta casete
- 2000.- Actuación no Centro Galego de Lisboa
- 2001.- Homenaxe e nomeamento como director honorífico a Hipólito Fernández Fernández
- 2004.- Gravación e edición dun cd
Participación anual nos festivais de bandas de música que se levan a cabo en Ponteareas, entre outros.
|