[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
LUNS, 30 DE XANEIRO DE 2023
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Cultura » Cultura
Páxina Principal
Servizos
Cultura
Subvencións
Plan Cultural
Colaboracións
Premios
Programas educativos-culturais para escolares
Exposicións e certames
Certame de bandas de música
Ligazóns

Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte
CULTURA 

Historial das agrupacións


Unión Cultural de Campo Lameiro

Biografía do director

Delio Represas Carrera nace en Xinzo (Ponteareas) en 1966 no seo dunha familia de gran tradición musical.

Inicia os seus estudos musicais na Banda de Música Xuvenil de Xinzo baixo a dirección do tristemente falecido José Guillén Lorenzo. Ó mesmo tempo cursa estudos no Conservatorio Superior de Música de Santiago de Compostela e no Conservatorio Superior de Música de Vigo no que remata a carreira superior de trompeta.

Asiste a cursos de perfeccionamento de trompeta cos mestres: Vidal Strems, José Mª Ortí Soriano, etc., de pedagoxía con Jean Pennigs e de dirección con Pedro Pirfano Zambrano, daquela director da Banda de Música Sinfónica da Policía Nacional.

En 1986 funda o grupo de Cámara “Reveriano Soutullo”, co que fai distintas xiras, ademais de por distintos puntos de Galicia, Valencia, Alacante, Madrid, Lisboa, etc. revitalizando desta maneira a música de cámara en Ponteareas. Ese mesmo ano faise cargo da dirección da Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas, ó tempo que colabora co seu irmán José Luis na formación da Banda de Música do Rosal, desenvolvendo un incansable e fecundo labor e sentando as bases de dous grandes bandas de música que sen dúbida son hoxe a de Salceda e a do Rosal. Actúa en distintas ocasións coa Banda de Música Municipal da Coruña e participa na gravación do último CD desta banda en setembro de 1998 con motivo do seu 50 aniversario.

Entre 1993 e 1995 é contratado como primeiro trompeta na Banda de Música de Santiago de Compostela, labor que desempeña con satisfacción e proveito.

Actúa como director invitado con distintas bandas como son as do Rosal, Poteledesma, Villalva, Muimenta de Lalín, Xinzo, etc. En 1988 ponse á fronte como director da Banda de Música Cruz de Rivadulla, creando ó pouco tempo a escola de música que serviría para renovar a citada banda, á que dirixiu xunto coa banda de música deica outubro de 1998, data na que pasa a formar parte do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro como profesor de vento-metal, cámara e dirección da orquestra, cargo que desempeña na actualidade compaxinándoo desde febreiro de 1999 coa dirección da Coral Polifónica de Burela e a dirección da Banda de Música Cultural de Campo Lameiro, desde decembro de 2003.

Historial da agrupación

Esta banda nace no mes de febreiro de 1990 cunha agrupación de nenos e nenas, todos eles moi novos, e ponse á fronte da súa ensinanza musical José Bugallo Diz, máis tarde o seu director.

Fan a súa presentación oficial no mes de agosto dese mesmo ano coincidindo coa “Festa dos mozos”, que por aquel entón ten lugar en Campo Lameiro. A partir de aí realizan actuacións por toda Galicia e, atravesando as nosas fronteiras, tamén en Portugal.

En 1995 inscribiuse na Deputación Provincial de Pontevedra. Gravou unhas cintas musicais e actuou na Televisión de Galicia no programa Luar. Tamén ese mesmo ano realizou unha viaxe que deixou pegada nos compoñentes da banda e tamén nos habitantes deste concello xa que grazias a isto o nome de Campo Lameiro circula alén da Comunidade galega. Este acto foi o intercambio entre a citada banda e a de “Aguas Nuevas” de Albacete. Ó ano seguinte repetiron o mesmo intercambio coa finalidade dun acto de irmanamento entre ambos concellos, Campolameiro e “Aguas Nuevas”.

Ese ano actuou para o programa Desde Galicia para el Mundo de TVE.

Xa en 1998 se vólvese repetir a experiencia coa mesma provincia pero esta vez coa banda de “Hoya Gonzalo”. Participa tamén no concerto de bandas en Santiago de Compostela. Este mesmo ano causou baixa como director o seu fundador José Bugallo Díz e pasa a ocupar o seu lugar o seu fillo, José Bugallo Senra.

En 2002 a Xunta de Galicia concédelles unha escola de música solicitada con anterioridade pola directiva que rexe dita banda.

Esta banda escola de música prospera pouco a pouco xa que empezou cunha participación de corenta e cinco alumnos e cinco profesores; na actualidade ten un total de cincuenta e tres alumnos e sete profesores.

Vai sobrevivindo grazias ás contribucións económicas de certos organismos, Concello de Campo Lameiro (6.010,12 € anuais), Deputación Provincial de Pontevedra e outros que, coas súas axudas, fan que sexa posible a compra de novos instrumentos, o pagamento dos profesores de música, etc... E tamén grazias ó sacrificio dos pais dos músicos que crearon a denominada “Asociación Unión Cultural de Campolameiro” cunha contribución mensual fixa.

En 2001 participou no I Certame Provincial de Bandas de Música Populares Deputación Provincial de Pontevedra na sección terceira, quedando nunha posición moi satisfactoria, o que motivou ós músicos a seguir perfeccionándose.

En 2002 a súa participación no III Certame Provincial de Bandas de Música Populares Deputación Provincial de Pontevedra na sección terceira levounos a conseguir o terceiro premio dentro da súa sección.




Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 15/09/2004 08:07
Copyright © 2002-2023, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/