[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
LUNS, 30 DE XANEIRO DE 2023
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Cultura » Cultura
Páxina Principal
Servizos
Cultura
Subvencións
Plan Cultural
Colaboracións
Premios
Programas educativos-culturais para escolares
Exposicións e certames
Certame de bandas de música
Ligazóns

Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte
CULTURA 

Historial das agrupacións


Banda de Música de Chapela

Biografía do director

Francisco Abal Rosales é natural da parroquia de Seixo (Marín), onde nace en setembro de 1975. Empeza os seus estudos musicais de solfexo e de trompeta á idade de oito anos co mestre Alfredo Viceiro del Río. Con nove ingresa no Conservatorio Superior de Música de Vigo onde máis tarde obtén o título de mestre de trompeta baixo a tutela de Javier Viceiro Filgueira.

Dentro da súa etapa de estudante tivo como mestres entre outros a José Vicente Simeó Máñez, José Mª. Pérez Rodríguez, Juan Buceta Lago, Carlos Herrero e Javier Viceiro Filgueira co que estuda nos últimos anos. Tamén asistiu a cursos de técnica e interpretación de trompeta cos mestres José Mª. Ortí Soriano (catedrático de trompeta e solista da ONE), Benjamín Moreno (solista da RTVE) e Eric Aubier (ex-trompeta da orquestra da Bastilla –Francia-).

No campo bandístico, entra, con dez anos, a formar parte da Banda de Música Cultural de Arcade. Tamén pasou como integrante pola Banda de Música de Vilanova de Arousa, a Banda de Música Municipal de Ribadumia, a Unión Musical de Campolameiro, a Banda do Conservatorio Superior de Música de Vigo, etc. É membro fundador de varios grupos de metais da provincia e nestes últimos anos colabora como trompetista nos estudos “Área local” de Pontevedra, no que participa en gravacións de diferentes discos de artistas galegos.

Actualmente, Francisco Aval Rosales, ademais de ser director da Banda de Música de Chapela, é profesor de vento-metal e linguaxe musical no Conservatorio Profesional de Música da Estrada, imparte clases de trompeta, trompa e linguaxe musical nas escolas de música de Campolameiro, Ribadumia e na propia de Chapela. Tamén colabora como instrumentista con diferentes bandas de música e agrupacións musicais de toda Galicia e asiste con regularidade a clases de dirección e instrumentación para banda de música co mestre Marcel Van Bree en Pontevedra.

No ano 2003 preséntase coa Banda de Música de Chapela ó III Certame Provincial de Bandas de Música Populares Deputación Provincial de Pontevedra, no que acadaron o 3º premio na sección terceira.

Historial da agrupación

A escola da banda de música comeza a primeiros do mes de outubro de 1991 pola man dun grupo de afeccionados para formaren en Chapela o que sería a primeira banda de música da historia da localidade. Despois de máis de tres anos de intensas clases, o 11 de febreiro de 1995 a Banda de Música Xuvenil de Chapela preséntase ó público, apadriñada pola Agrupación Musical do Rosal, e como invitada a Banda-Escola de Música de Beade.

Na actualidade conta con corenta músicos con idades comprendidas entre os nove e os vinte e catro anos. Ademais, ten trinta nenos en clases de solfexo e instrumento que pronto pasarán a formar parte da dita banda.

Nestes máis de oito anos dende a súa presentación, a Banda de Música de Chapela percorreu gran parte do territorio galego, e tamén traspasou as nosas fronteiras, Portugal, Asturias, Castela e León, Murcia, Madrid, etc. Participou así mesmo en diversos certames e festivais: “VII Festival de Bandas de Música do Rosal”, Certame de Cangas, Tui, Marín, Ponteledesma, Xinzo, etc.

Destacaremos que no seu primeiro ano de vida (1996) realizou unha xira por Venezuela, actuando en cada un dos centros culturais deste país, Caracas, Chacao, Puerto Ordaz, Valencia, Barquisimeto, Ciudad Bolivar, etc. Ese mesmo ano gravou un compacto no que se inclúen pezas variadas e acompañaron á soprano Nuria Lorenzo na gravación do seu compacto e, máis tarde, nunha pequena xira pola nosa provincia. En 1999 realizou un intercambio coa Banda de Música de Viveiro, xuntando as dúas bandas con máis de 110 músicos nun mesmo escenario.

En maio de 2000 Juan Carlos Díaz Álvarez deixa a batuta e faise cargo dela Lourenco Filipe da Silva Cruz deica febreiro de 2003. No ano 2001 participan no XI Certamen Nacional de Bandas de Música Ciudad de Murcia, no Teatro Rómea, no que acadan un meritorio segundo premio xa que compartiron escenario con bandas de Granada, Valencia e Alacante.

En xullo de 2003 participan na celebración do día de Galicia organizado polo Centro Galego de Madrid e ofrecen un concerto na praza maior desta cidade.

Na actualidade a Banda de Música de Chapela conta con máis de 40 músicos, de entre 9 e 24 anos, ademais dos 30 nenos da súa escola de música que pronto pasarán a formar parte da mesma agrupación.

Desde febreiro de 2003 a banda está dirixida por Francisco Abal Rosales co que participan por primeira vez no III Certame Provincial de Bandas de Música Populares Deputación Provincial de Pontevedra, no que acadaron o 3º premio na sección terceira.




Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 15/09/2004 08:01
Copyright © 2002-2023, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/