[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
LUNS, 30 DE XANEIRO DE 2023
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Cultura » Cultura
Páxina Principal
Servizos
Cultura
Subvencións
Plan Cultural
Colaboracións
Premios
Programas educativos-culturais para escolares
Exposicións e certames
Certame de bandas de música
Ligazóns

Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte
CULTURA 

Historial das agrupacións


Banda de Música Unión Musical Ponteledesma

Biografía do director

Roberto Hermida Rey nace en Gres (Vila de Cruces) no ano 1974. Con sete anos de idade o mestre Xosé Casal ensínalle as primeiras leccións de solfexo, data coa que coincide a fundación da Unión Musical Ponteledesma.

Un ano máis tarde inicia os estudos de bombardino co mestre Bernardo García del Río. Máis tarde pasa a ser alumno de Daniel Sánchez (trombonista da Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela) co que en 1995 inicia a súa andaina no mundo do trombón. Conta desde aquela cun abano de mestres de recoñecido prestixio, Xosé Casal Sueiro (Banda de Música Municipal da Coruña), Xosé Vicente Simeó Máñez, Indalecio Bonewt Manrique, Christian Linberg, Jhon Etterbek e, na actualidade, é alumno de Petur Eirikisson.

Fixo o servizo militar dentro da disciplina da Banda de Música da Unidade de Cuartel Xeral da Rexión Noroeste con base na Coruña.

É membro fundador da Agrupación Instrumental Harmonía coa que ofrece anualmente concertos por toda Galicia; así mesmo, realiza gravacións dedicadas ós pasodobres toponímicos e folk galegos. Tamén actúan dúas veces como banda de música invitada no Certame Internacional de Bandas de Música de Valencia.

No ano 1997 funda o cuarteto de tubas e trombóns “TubaTrom” co que actúa activamente activo en festivais de metais, en programas culturais e realiza unha gravación dado o carácter innovador da súa música.

En 1999 funda a Banda de Música Sinfónica do Deza e pasa a ser membro da Banda de Música Sinfónica de Galicia coa que realiza unha gravación. Neste ano pasa a ocupar a praza de trombonista na Xove Orquestra Sinfónica de Galicia coa que acode con regularidade a encontros de tipo máis variado chegando a estar con solistas da talla de Montserrat Caballé.

No ano 2000 é invitado pola Banda de Música da Federación Galega para formar parte do seu cadro de persoal así como pola Banda Sinfónica das Rías Altas. Este ano tamén se fai cargo da dirección da Banda de Música de Forcarei e da súa escola de música.

É colaborador e amigo da gran maioría das bandas de música populares galegas gardando unha grande amizade con todos os seus integrantes. Colaborou coas bandas de música municipais de Lugo, de Ourense, da Coruña e de Santiago de Compostela.

Tocou baixo as prestixiosas batutas de Marcell Van Bree, Johan de Meig, Miguel Rodríguez, Indalecio Fernández Groba, Rosendo Ivorra, James Ross, Xosé Luis Represas, José Collado, Santos Bartolomé, Jhoan Company, Michael Gilbert, Vicente Alberola, Roxelio Groba, ...

Asiste regularmente a clases de dirección co mestre Marcel Van Bree e a cursos con James Ross e Michael Gilbert.

É membro do Grupo Instrumental Harmonía, da Banda de Música Sinfónica de Galicia, da Xove Orquestra de Galicia, da Banda de Música da Federación Galega, da Banda Sinfónica do Deza, da Banda Filharmónica de Galicia, do Octeto de trombóns da Xove Orquestra de Galicia.

Imparte clases na escolas de música municipais de Vila de Cruces, de Bandeira e de Salcedo.

No ano 2002 gaña por oposición a praza de bombardino solista na Banda de Música Municipal de Ourense e colle a batuta da súa banda de música, a Unión Musical Ponteledesma.

Historial da agrupación

A idea da formación da Asociación Cultural Unión Musical Ponteledesma nace no ano 1983, cando dous veciños desta bisbarra do Deza, Xosé Casal Balo e Bernardo García del Río (antigos músicos), comezan a dar forma a unha idea que lles roldaba pola cabeza e a faceren as primeiras xestións para crear esta nova agrupación, debido á saudade dunha banda de música por parte dos veciños destas terras do Deza.

Esta nova agrupación empeza con trinta alumnos, e tras un grande esforzo durante varios anos por parte dos seus fundadores e grazas á colaboración de todas aquelas persoas interesadas, a Banda de Música Unión Musical Ponteledesma preséntase ó público en xuño de 1987 e dá o seu primeiro concerto nas Insuas de Gres (Vila de Cruces) baixo a batuta do mestre Bernardo García del Río (primeiro presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares).

Logo de tres productivos anos da banda ó cargo de Bernardo García del Río, este, por motivos de saúde, vese forzado a deixala, collendo o relevo en 1990 Rafael Rosell, músico militar da Escola Naval de Marín, que inicia un gran traballo á fronte da escola de música, ampliando o seu profesorado con mestres da Escola Naval.

En 1990 chega á banda de música Xosé Luis Represas Carrera exercendo a dirección no período 1991-1995, etapa na que a banda realizou a súa primeira gravación cun repertorio novidoso e variado, e así mesmo unha exitosa e productiva viaxe a París, cidade na que ofreceu varios concertos no Centro Galego coa presenza de autoridades do Concello de Vila de Cruces e da cidade de París.

Foi en novembro de 1995 cando se fai cargo da batuta da agrupación Miguel Rodríguez Barrio, con tan só 21 anos. Vista a cantidade de nenos con ganas de aprender e a ilusión de tocar un instrumento, empeza un período de potenciamento da canteira, pasando a formar parte a Escola de Música de Ponteledesma da Escola Municipal de Vila de Cruces, con máis e mellores profesores.

Outro dos logros desta agrupación prodúcese tamén en 1995 coa posta en marcha da organización anual dun Festival de Bandas de Música, que ten lugar todos os anos no mes de xullo, nas Insuas de Gres (Vila de Cruces), co obxectivo de favorecer o intercambio coas principais bandas da Comunidade Autónoma Galega. Así mesmo, participa ó longo de toda a xeografía galega en numerosos certames e festivais, e tamén en concertos fóra de Galicia coma en Valencia e Aranda de Duero (Burgos), no norte de Portugal, en Andorra, en Francia e en Italia. Ademais, a banda de música realiza periodicamente concertos didácticos co fin de lles achegar a música ós mozos, xunto cos tradicionais concertos para os socios, o de fin de curso, o de Santa Cecilia e o de Nadal.

A principios do ano 2000 culminou coa gravación do último CD desta agrupación un longo período de ensaios da máis variada música para banda, e nos meses de setembro e novembro do mesmo ano levou a cabo un intercambio coa Banda de Música de Borgo-Val di Taro (Parma), viaxando primeiro a Italia e recibindo logo, a principios de novembro, á dita banda de música en Vila de Cruces.

A súa escola de música, en colaboración coa escola municipal, está formada por uns cincuenta membros que son os compoñentes da Banda de Música Xuvenil de Ponteledesma, dirixida por músicos da propia banda. Desde a escola de música incídese, ademais do traballo individual, na asistencia a cursos, na creación de grupos de cámara (Tubatrom), en bolsas de estudo, e na Banda Xuvenil da Unión Musical Ponteledesma, como reflexo do traballo realizado tanto por alumnos coma por mestres.

A asociación cultural que rexe o funcionamento da banda de música está formada por 120 socios, que coas súas achegas desinteresadas contribúen anualmente ó financiamento desta para que poida desenvolver numerosos proxectos, normalmente custosos, como intercambios con outras agrupacións, gravacións, compra de instrumental, etc. Cómpre destacar que temos como socio ó escritor José Neira Vilas.

En decembro de 2002, Roberto Hermida Rey, músico formado nesta banda de música e compoñente actual da Banda de Música Municipal de Ourense, toma o relevo a Miguel Rodríguez Barrio como director seu.

Nos últimos anos a Unión Musical Ponteledesma colleitou importantes premios en prestixiosos eventos que veñen a recoñecer e servir de estímulo ó excelente traballo realizado por todos os compoñentes da agrupación, entre os que destacan:

  • 1º premio II Certame Provincial de Bandas de música Deputación Provincial de Pontevedra – Sección Segunda (2002).
  • 2º premio Certamen Internacional de Bandas de Música Ciudad de Valencia - Sección Segunda (2003).
  • VI premio da Cultura do Concello de Vila de Cruces (2004).

Na actualidade a banda está formada por setenta compoñentes, entre os que sobresaen músicos que colaboran con distintas agrupacións profesionais das máis importantes de Galicia.




Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 15/09/2004 07:44
Copyright © 2002-2023, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/