[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
VENRES, 29 DE MARZO DE 2024
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Cultura » Cultura
Páxina Principal
Servizos
Cultura
Subvencións
Plan Cultural
Colaboracións
Premios
Programas educativos-culturais para escolares
Exposicións e certames
Certame de bandas de música
Ligazóns

Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte
CULTURA 

Historial das agrupacións


Banda de Música Popular de Rubiós

Biografía do director

Rafael Pérez Dopeso nace en Coruxo en 1966. Comeza a súa andadura musical como compoñente da Banda de Música Unión Musical de Coruxo. Alterna os seus estudos musicais no Conservatorio Superior de Música de Vigo e no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Durante estes anos forma parte da Banda de Música do Goberno Militar de Vigo e da Banda de Música do Goberno Militar da Coruña, colaborando, ademais, coa Banda Sinfónica de Galicia en varias ocasións e formando parte, tamén, da Xove Orquestra Sinfónica de Galicia.

Complementa a súa formación musical como instrumentista asistindo a varios cursos con José Mª Ortiz, trompeta solista da Orquestra Nacional de España e con Enrique Ferrando Sastre, trombón solista da mencionada agrupación.

En 1987 acada a titulación de tuba, tendo como profesor a José Vicente Simeó Máñez. En outubro dese mesmo ano faise cargo da dirección da Banda de Música Popular de Rubiós e, cinco anos máis tarde, asume tamén a dirección da Coral Santa María das Neves.

En 1993 empeza a facer unha serie de colaboracións como reforzo coa Banda de Música Municipal da Coruña. Nesta súa faceta como instrumentista toca baixo a batuta de prestixiosos directores, coma Miguel Sacristán Ramos, Adonis Ferreiro, Indalecio Fernández Groba e Enrique García Asensio.

En 1996 faise cargo da dirección da Masa Coral do C.S.C.R. de Beade e, dous anos máis tarde, inicia o seu labor como director da Escola de Música Municipal das Neves.

Na actualidade, ademais de dirixir as agrupacións anteriormente citadas, é profesor no Conservatorio de Música Reveriano Soutullo de Ponteareas.

Historial da agrupación

Os comezos da Banda de Música Popular de Rubiós datan de 1892. Existía xa daquela un pequeno coro na parroquia e o párroco Evaristo Senra, vendo as facultades dalgúns dos seus compoñentes, esforzouse por conseguir o nacemento dunha banda de música. Do mesmo xeito, foi artífice da formación doutra banda dentro do municipio das Neves, pero ó non ser viable unir as dúas formacións, co tempo, a Banda das Neves desapareceu.

O primeiro mestre de entrada foi Manuel de Tomás, con quen a banda creceu, chegando a actuar por toda a provincia. Así se foi desenvolvendo a historia da banda baixo a dirección de varios mestres, coma Juan Novoa, membro dunha familia de músicos da parroquia de Rubiós que se iniciou na banda parroquial e mellorou a súa formación musical en bandas militares.

Coa declaración da Guerra Civil remata a primeira etapa da banda xa que quedou sen a maior parte dos seus compoñentes. Ademais, a emigración tamén foi a causa de que durante anos a banda se desfixese.

En 1958 houbo un intento de recompoñer a banda por parte de Alfonso Méndez Méndez, gran mestre, nativo de Rubiós, que dirixiu algún tempo as bandas de música de Guláns e de Valadares. Máis tarde, primeiro en 1962, tomando a dirección José Rodríguez, natural de Arbo e, despois, en 1969, da man de José González, intentouse conseguir que a banda rexurdira, pero ningunha das tentativas acadou o seu obxectivo.

En 1985, sendo alcalde do Concello das Neves Oswaldo-Lino González Pereira, acordouse no Pleno da Corporación fomentar e axudar o rexurdir da Banda de Música de Rubiós. Así, pedindo a colaboración veciñal, comezaron a impartirse clases de solfexo, da man de Eugenio Méndez, nativo de Rubiós e máis tarde director da Banda de Guláns, ás que acudían aqueles que cando mozos formaran parte de anteriores intentos por recuperar a banda e tamén un número elevado de mozos e mozas que serían a nova xeración da Banda de Rubiós.

Tras algún tempo de traballo faise cargo da banda Ramón González, natural de Marín; baixo a súa dirección faise a presentación oficial da Banda de Música Popular de Rubiós no Concello das Neves en 1987. A finais dese mesmo ano incorpórase o actual director Rafael Pérez Dopeso, natural de Coruxo (Vigo). É nesta última etapa cando a banda consegue un maior desenvolvemento, non só como agrupación senón como escola de música.

A banda levou a cabo actuacións por toda a xeografía de Galicia e de Portugal participando, en varias ocasións, en diversos programas da TVG e de TVE en Galicia, destacando as actuacións realizadas en Lisboa e en convencións coma a das Neves, Agolada e Castrelo de Cambados.

Así mesmo, leváronse a cabo varios concertos en colaboración coa coral Sta. María das Neves, destacando os de zarzuelas realizados en marzo de 2000 nos auditorios “Vázquez Portomeñe” das Neves e “Reveriano Soutullo” de Ponteareas.

Participou nas tres edicións do Certame Provincial de Bandas de Música Populares Deputación Provincial de Pontevedra, no que acadou nos anos 2002 e 2003 o terceiro premio, na categoría segunda.




Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 15/09/2004 07:41
Copyright © 2002-2024, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/