[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
XOVES, 28 DE MARZO DE 2024
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Cultura » Cultura
Páxina Principal
Servizos
Cultura
Subvencións
Plan Cultural
Colaboracións
Premios
Programas educativos-culturais para escolares
Exposicións e certames
Certame de bandas de música
Ligazóns

Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte
CULTURA 

Historial das agrupacións


Banda de Música Xuvenil de Barro

Biografía do director

Daniel Portas González empeza os seus estudos musicais ós 10 anos na Escola de Música da Banda Unión Musical de Meaño, da man de Luis Juncal Piñeiro, profesor do Conservatorio Superior de Música de Vigo, e actualmente do Conservatorio Profesional de Pontevedra. Pronto pasaría a ser trombón solista de dita banda.

Para ampliar os seus estudos musicais asiste a varios cursos de perfeccionamento e interpretación con diferentes mestres, entre os que destacan Jesús Juan de Oriola, catedrático de música e vicedirector de música de Valencia, Juan Carlos Igea, profesor de trombón do Conservatorio de Música de Cuidad Real, Indalecio Bonet membro fundador do quinteto de metais Spanish Brass Luur-Metalls, Joaquín Vicedo Davó, trombón solista da orquestra da RTVE, Rubén Prades, trombón solista da Orquesta Nacional de España, Ricardo Casero, trombón solista da Ciudad de Barcelona e Michel Becquet (xefe do departamento de metais do Conservatorio Nacional Superior de Música de París).

No ano 1995 pasa a formar parte da Banda de Música Municipal de Pontevedra como trombón solista, posto que desempeña na actualidade.

En xaneiro de 1997 entra a formar parte da XOGA (Xove Orquestra de Galicia).

En abril de 2000 realiza o curso de Linguaxe Musical impartido no Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra polo mestre Félix Sierra, profesor de ritmo e linguaxe musical no Conservatorio Superior de Madrid. E no mes de xuño pasa a formar parte da Xove Orquestra Sinfónica de Galicia onde actualmente asiste ás clases co profesor Petur Eiriksson. Tamén remata os seus estudos de Grao medio no Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra co mestre Luis Juncal Piñeiro e obtén o título de profesor coa cualificación de matrícula de honra.

En abril de 2001 realiza o curso de dirección co mestre Jan Cober, profesor de dirección dos conservatorios de Tilburg e Maastrich, Holanda.

En xuño de 2002 remata os seus estudos de Grao Superior no Conservatorio Superior de Música de Vigo co profesor Feliciano Morales Monteagudo, tamén coa cualificación de matrícula de honra. En novembro asiste a unha Master Class organizada pola Orquestra Sinfónica de Galicia co profesor Christian Limberg. En decembro obtén o certificado de premio de honra de fin de carreira.

Foi membro fundador de varios quintetos de metais, entre os que cabe destacar o Quinteto de Metais Santa Eulalia, ó cal o invitou cunha bolsa de estudos a Xove Orquestra Nacional de España en Santiago de Compostela e que tamén foi finalista do 1º concurso de novos concertistas de Galicia.

Así mesmo, participa en diversos concertos como trombón invitado coa Banda Municipal da Coruña, coa Real Filharmonía de Galicia, coa Orquesta Sinfónica de Castilla-León e coa Orquesta Nacional de España.

En xaneiro de 2003 obtivo o 3º premio de novos intérpretes organizado pola Federación de Bandas de Música de Vigo.

Desde 2001 dirixe a Banda de Música Xuvenil de Barro coa que obtivo o 2º premio no II Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación Provincial de Pontevedra.

Actualmente imparte clases de trombón nas escolas municipais de música de Meaño e de Barro e desde 2003 é trombón solista na Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela.

Historial da agrupación

A Banda de Música Xuvenil de Barro naceu en decembro de 1992 promovida por un grupo de pais e nais do concello de Barro (Pontevedra). O ano seguinte créase a Asociación Cultural e Xuventude de Barro da que depende dita banda de música. A actividade principal desta asociación é a realización de actividades culturais durante todo o ano. No período lectivo funciona a escola de música na que se imparten clases de solfexo e de instrumentos musicais. O ámbito da asociación abarca os concellos de Barro, Caldas de Reis, Moraña, Cuntis, Portas e Pontevedra.

Esta banda de música compóñena nenas e nenos do Concello de Barro e a súa bisbarra cunha idade media de 15 anos. Conta con setenta músicos. Realiza concertos didácticos nos centros docentes do concello e un concerto anual cos alumnos da escola de música.

A actividade da Banda Xuvenil de Barro ten lugar durante todo o ano pero especialmente no verán coa organización de eventos musicais e a participación en romarías, certames e festivais. Estas actuacións realízanse polas catro provincias galegas e no país veciño, Portugal.

Desde 1999 organiza en Barro un festival anual de bandas de música xuvenís, previndo a sexta edición para setembro de 2004.

Como actuacións máis salientables mencionamos as dos programas da TVG, Luar e Galicia Enteira. Así mesmo, participou xunto con outras bandas, no “Xacobeo 99” en Santiago de Compostela o 20 de xullo de 1999.

No ano 2002 cumpríronse os dez anos de historia da banda de música, periodo no que se elaborou o proxecto cultural máis amplo e estable do concello. Obtivo o 2º premio, da súa categoría, no II Certame Provincial de Bandas de Música organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra e, ó ano seguinte, o 2º premio, na segunda sección na III edición do mesmo certame.

No ano 2004 a banda de música levou a cabo un proxecto no que o principal obxectivo foi achegar ós auditorios e teatros á música de banda e tamén a actividades de carácter músico-xuvenís e, como non, a realización de concertos en espacios axeitados para a súa audición. A Xira Auditorium pasou, na súa primeira edición, polos auditorios de Vilagarcía de Arousa e Cangas e polo Teatro Principal de Pontevedra, estando prevista a ampliación de carácter autonómico deste proxecto.




Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 15/09/2004 07:37
Copyright © 2002-2024, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/