[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
LUNS, 30 DE XANEIRO DE 2023
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Cultura » Cultura
Páxina Principal
Servizos
Cultura
Subvencións
Plan Cultural
Colaboracións
Premios
Programas educativos-culturais para escolares
Exposicións e certames
Certame de bandas de música
Ligazóns

Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte
CULTURA 

Historial das agrupacións


Banda de Música Unión Musical de Meaño

Biografía do director

Francisco Javier Morgade Dobaño nace en Bande, Ourense, en 1973. Alí empeza os seus estudos de solfexo e clarinete á idade de 11 anos. Máis tarde pasa ó Conservatorio de Música de Ourense, onde acada o título de grao elemental coas máis altas cualificacións co mestre D. Nicanor Domínguez Cid, á vez que é membro da banda da súa vila natal.

En 1990 vaise a Madrid para formar parte da Banda de Música do Exercito do Aire. Alí estuda na Academia de Música de Santa Cecilia co mestre D.M. Escribano; no Conservatorio de Música de Arturo Soria con D. Pedro Garbajosa e, por último, no Conservatorio de Música de Amaniel con D. Castillo Arastey onde obtén o título de profesor de clarinete.

En 1994 gaña, por concurso-oposición, a praza de suboficial músico na especialidade de clarinete e no ano 1995 trasládase a Marín, Pontevedra, para formar parte da Banda de Música da Escola Naval.

En 1996 asume a dirección da banda da súa vila natal e en 1999 forma parte como clarinetista solista da Orquestra Sinfónica de Estudiantes do Conservatorio Superior de Música de Santiago de Compostela, coa que ofrecen varios concertos en Galicia e asisten ó Festival de Música Internacional de Gaia, Porto.

Na actualidade é profesor superior de clarinete do Conservatorio Superior de Música de Santiago de Compostela, clarinetista solista da Banda de Música da E.N.M. de Marín e director da Banda Unión Musical de Meaño, á vez que amplía os seus coñecementos asistindo a diversos cursos de dirección e estudando clarinete con D. Vicente Alberola, solista de Orquestra Sinfónica de Madrid (O.S.M.).

Historial da agrupación

Polo 1830, na parroquia de Xil, municipio de Meaño, baixo a dirección e organización de Benito Barreiro, nace unha pequena agrupación musical, formada composta polo citado director, cinco dos seus fillos e outros tantos veciños da parroquia. Así se forma esta banda, unha das máis antigas de Galicia con máis de 150 anos de historia. A agrupación, na que se foi sucedendo a dirección de pais a fillos, mantívose deica 1890, data na que se consolida como Banda de Música de Meaño xa que ata este momento se chamaba de Xil. Durante os seguintes 70 anos pasaron diferentes directores, Manuel Barreiro (1890), José García Quinteiro (1931), procedente da Banda Militar de Guarnición de Melilla, Daniel González Méndez (1940), Eliseo Lopo García (1946), Andrés Blanco Rebornecho (1948), fundador da Tuna Universitaria de Santiago, Andrés Fiuza (1950), Juan Moldes (1956), pai do actual director da Banda Muncipal de Pontevedra (Antonio Moldes) e por último en 1961 José Dorado. O éxodo de emigrantes a América rematou desfacendo a banda, que entrou nunha paréntese de inactividade que duraría máis de vinte anos.

Sería en 1980 cando o Concello de Meaño, rexido por D. Germán Rodiño, antigo músico da Banda, decidiu crear unha escola de música para intentar formar unha nova banda. Faise cargo da escola Manuel Lores Besada. O 25 de agosto de 1985 a Banda Unión Musical de Meaño realizou a súa primeira actuación co citado Manuel Lores como director. O obxectivo xa se cumprirá ó refundar a tan añorada banda de música.

En 1988, tras unha emotiva despedida, Manuel Lores cédelle a batuta a Remigio Santacruz Pérez, sarxento da Banda Militar de Marín, tristemente desaparecido ó ano seguinte polo que Vicente Masmano Ortiz ocupa a praza durante un ano.

En 1990 colle as rendas Esteban Valverde Corrales e con el comeza unha nova etapa na que se crea unha asociación cultural co fin de potenciar esta agrupación musical. O primeiro presidente foi José Varela Budelo e a primeira medida foi ampliar a escola de música, grazas tamén a un maior apoio do Concello, con novos profesores que melloraron a calidade dos músicos hoxe presentes na banda. Logrouse converter en pouco tempo a esta banda nunha das mellores de Galicia.

En 1997, con Manuel Crespo como presidente da Asociación, Esteban Valverde deixa a banda por motivos profesionais e asume a dirección Francisco García Hurtado, actual director da Banda da Escola Naval de Marín que a dirixiu case tres anos.

En 1999 é elixido director Francisco Javier Morgade Dobaño, mozo clarinetista e membro da Banda de Música da Escola Naval de Marín, co que se pretende iniciar unha nova etapa. O Concello de Meaño preparou unhas novas instalacións para uso exclusivo da asociación, a Casa da Música, co obxectivo de potenciar a Escola de Música. Nesta, case un centenar de rapaces cimentan as bases da banda. Linguaxe musical, coro, audicións, clarinete, frauta, saxofón, fagot, trompeta, fliscorno, trompa, trombón, bombardino, tuba, percusión, gaita, corda, guitarra e piano son algunhas das clases que imparten doce profesores. Ademais, con todos os alumnos matriculados en instrumento creáronse diversos cuartetos, quintetos e unha Banda da Escola cuns cincuenta membros, orientada unicamente con fins didácticos, para que os rapaces vexan cómo funciona unha banda de música, e o Coro da Escola de Música.

Outro dos logros desta asociación foi a posta en marcha en 1990 da organización anual dun Festival de Bandas de Música, que ten lugar o último domingo do mes de abril, e que vai pola súa 11ª edición. Este foi o punto de inicio de todo os festivais de bandas que se celebran por toda a xeografía galega e sen dúbida o que máis prestixio ten, sobre todo pola súa organización. Por el pasaron xa as mellores bandas de Galicia, presentadores da talla de Pemón Bouzas, Avelino Abuin de Tembra, Rosa Vilas ou Nieves Rodríguez o que fai que cada ano se concentren máis de 3000 persoas na praza do Concello para admirar as nosas bandas populares.

Hai que sinalar así mesmo que foi seleccionada para participar no 1º e 2º Certame de Bandas da RTVG, quedando entre as cinco primeiras, a participación asidua en Festivais de Bandas en Galicia e Portugal e o seu primeiro lanzamento discográfico que data de marzo de 1997.

Acadou o terceiro premio no I e II Certame Provincial de Bandas de Música Deputación Provincial de Pontevedra na 2ª sección, o que indica o nivel desta banda.

Na actualidade Manuel Domínguez preside a asociación cultural e Francisco Javier Morgade Dobaño dirixe a banda de música, que está composta por setenta e tres músicos.




Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 15/09/2004 07:34
Copyright © 2002-2023, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/