[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
XOVES, 28 DE MARZO DE 2024
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Cooperación
Páxina Principal
Cooperación
Persoal e contacto
Plans e subvencións
Plans dirixidos a entidades locais
Plan provincial de Cooperación
PID
PAM. Actividades
Plans dirixidos a agrupacións veciñais
PAC
Subvencións a mancomunidades e consorcios
Plan Avanza
Caixa de Anticipos
Proxectos
Pousadas-Xardín
WIMAX
CIDIR-EIEL
Pontevedra StopCO2
Viñas Atlánticas
FEDER
Formularios

Páxina [1] 2 3
COOPERACIÓN 

Deputación de Pontevedra

PROGRAMA DE ACCIÓN COMUNITARIA (PAC), PARA O ANO 2013

Bases | Anexos
Correccións no prazo de presentación de solicitudes

A Xunta de Goberno desta Deputación Provincial na súa sesión ordinaria do día 18 de xaneiro de 2013, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

2.20562.- APROBACIÓN DAS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE ACCIÓN COMUNITARIA (PAC) PARA O EXERCICIO 2013

Dada contas das Bases Reguladoras do Programa de Acción Comunitaria (PAC), para o ano 2013, sendo o obxecto das mesmas impulsar e fomentar os investimentos a realizar polas Agrupacións e Asociacións Veciñais, dadas as carencias de recursos económicos das mesmas,
Visto o informes da Secretaría e da Intervención Provincial de data 15 de xaneiro de 2012, a Xunta de Goberno, no uso das facultades que lle confiren os artigos 36 da Lei 7/85, de 2 de abril, e 30 do R.d.l. 781/86, de 18 de abril, acorda por unanimidade aprobar as citadas bases que son como seguen:

BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE ACCIÓN COMUNITARIA (PAC), PARA O ANO 2013

PRIMEIRA.- OBXECTO
A finalidade desta convocatoria é apoiar ás Agrupacións e Asociacións Veciñais (en adiante Agrupacións Veciñais) na realización de investimentos, tanto obras como adquisicións, que se impulsen no exercicio 2013.

Os obxectivos dos investimentos que se financiarán con cargo a este programa serán os seguintes:

  1. A mellora do medio rural e barriadas urbanas mediante un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles, que permita ós seus habitantes unhas adecuadas condicións de vida.
  2. O desenvolvemento das Agrupacións Veciñais ó obxecto de aumentar a súa capacidade para resolver os seus problemas. Dita solución requirirá a unión de recursos, esforzos e vontades.

Poderán ser obxecto da subvención:

  • Investimentos (obras e adquisicións de bens duradeiros) que estean relacionados coas competencias establecidas nos artigos 25 e 26 da Lei 7/85 de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, agás a compra de terreos.

O importe total das subvencións públicas, concedidas para esta finalidade, utilizarase exclusivamente:

  • Tratándose de obras, na adquisición de materiais e/ou alugamento de maquinaria, e
  • Tratándose de subministracións, na adquisición dos mesmos.

SEGUNDA.- FINANCIAMENTO
O seu financiamento e réxime acomodaranse ó determinado nestas Bases.

Dito Programa de subvencións, por importe de un millón (1.000.000,00) de euros, financiarase con cargo ó Orzamento de 2013, aplicación 942.459.789.07, que poderá incrementarse mediante suplementación de créditos.

TERCEIRA.- REQUISITOS
As actuacións comunitarias serán caracterizadas pola concorrencia dos seguintes requisitos:

  1. Libre determinación dos veciños na elección dos investimentos que desexen executar.
  2. Voluntariedade na participación e liberdade de ditos veciños sobre a forma de organizarse.

CUARTA.- BENEFICIARIOS
Poderán solicitar estas axudas tódalas Agrupacións Veciñais que reúnan os seguintes requisitos:

  1. Carecer de fins de lucro.
  2. Desenvolvelas súas actuacións no ámbito territorial do municipio ó que pertence.
  3. Non estar incursas en ningún dos supostos de prohibición para a percepción de axudas ou subvencións públicas
  4. Estar ó corrente coas obrigas tributarias (Estado e Comunidade Autónoma), coa Seguridade Social e non ter débedas de ningún tipo coa Deputación.

QUINTA.- SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN
As solicitudes, cumprimentadas en tódolos seus extremos, formalizaranse nos modelos normalizados que se facilitarán no Rexistro Xeral da Deputación, de luns a sábado, no rexistro da súa sé de Vigo, de luns a venres, no Servizo de Cooperación ou na páxina web da Deputación: www.depo.es, achegando ademais a seguinte documentación:

  1. Memoria explicativa do investimento a realizar asinada polo representante que se acompañará dun croquis de situación.
  2. Orzamento do investimento a realizar, debendo describir con claridade os conceptos que se van adquirir ou alugar, especificando a cantidade (número de horas de aluguer, número de pezas, metros cúbicos ou lineais de material, etc..) e o seu prezo unitario. O presuposto, que será asinado polo representante da asociación, debe aplicar o IVE actual do 21%. Asemade, de acordo co disposto na base primeira, con cargo a este programa de axudas non se financia a man de obra, soamente a adquisición de material, subministracións ou o aluguer de maquinaria.
  3. Declaración responsable na que conste o acordo adoptado polos veciños para a realización do investimento en réxime de Acción Comunitaria, co nomeamento dun representante único da Agrupación Veciñal e identificación do mesmo, sinalando expresamente o compromiso de completar o financiamento do investimento mediante a achega do traballo, transporte, maquinaria ou metálico, así como de asumir os riscos que puideran xurdir con ocasión da prestación antes citada (Anexo III).
  4. Acta de nomeamento dos representantes da Agrupación Veciñal (Anexo II) ou, de ser unha Asociación constituída, fotocopia cotexada da acta de nomeamento da Xunta Directiva actual.
  5. Fotocopia cotexada do C.I.F., no caso de contar con el.
  6. Fotocopia cotexada do D.N.I. do representante.
  7. Declaración responsable na que conste se a Agrupación Veciñal obtivo ou solicitou calquera outra axuda, subvención, ingresos ou recursos que financien o investimento a subvencionar, e compromiso de comunicar á Deputación as que se obteñan nun futuro (Anexo I).
  8. Declaración responsable de estar ó corrente das obrigas tributarias (Estado, Comunidade Autónoma), coa Seguridade Social, e de non ter débedas de ningún tipo coa Deputación, e autorización á Deputación para obter as correspondentes certificacións. (Anexo I).
  9. Declaración de non estar incurso en causas de prohibición para a percepción de axudas ou subvencións públicas e de aceptación das bases da convocatoria, asumindo o compromiso de dar cumprimento ás condicións da subvención. (Anexo I).
  10. Certificación, da sucursal correspondente, da conta bancaria na que haberá de ingresarse o importe da subvención, que debe estar a nome da Agrupación Veciñal ou, como mínimo, de tres titulares que figuren na Acta de nomeamento dos representantes da mesma.

As Agrupacións Veciñais só poderán solicitar unha subvención por cada investimento, debendo presentar expedientes completos por cada solicitude.

Incumbe ás Agrupacións Veciñais obter as licenzas necesarias para acometer as obras solicitadas, consonte dispón a Lei 9/2002, do 30 de decembro do solo e urbanismo de Galicia, no Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de disciplina urbanística e demais disposicións aplicables.

Solicitarán licenza do Concello, sen prexuízo das autorizacións ou concesións que sexan necesarias outorgar polos organismos competentes.

Se a solicitude remitida, acompañada da documentación, non reunise os requisitos da convocatoria ou calquera dos previstos no art. 70 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, requirirase ó interesado para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende as faltas ou presente os documentos preceptivos, indicando que, en caso de non facelo, terase por desistido, arquivándose sen máis trámites.

SEXTA.- LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN
As solicitudes irán dirixidas ó Ilmo. Sr. Presidente da Deputación de Pontevedra e presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación, de luns a sábado, no Rexistro da súa sé de Vigo, de luns a venres ou nos lugares establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (na súa redacción segundo o Real Decreto-Lei 8/2011, de 1 de xullo).

O prazo de presentación de solicitudes de subvencións, que se acollan a este programa, comezará o día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no boletín oficial da provincia, sendo de 30 días naturais.

SÉTIMA.- COMPATIBILIDADE
Estas axudas serán compatibles con outras axudas ou subvencións concedidas por outras entidades para o mesmo investimento, pero en ningún caso a contía das mesmas poderá superar o custo real do investimento subvencionado. A tal efecto comunicarase á Deputación Provincial de Pontevedra a obtención doutras subvencións ou axudas propias para a mesma finalidade, procedente de calquera Administración, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou estranxeiros.

Así mesmo, estas axudas non son compatibles con outras concedidas por outros Servizos da Deputación para a mesma finalidade no exercicio 2013 debendo as Agrupacións Veciñais comunicar á Deputación tal circunstancia de darse o caso.

OITAVA- CRITERIOS DE CONCESION
A asignación de axudas ou subvencións dos distintos investimentos (obras ou adquisicións), farase en función dos seguintes criterios:

  1. Investimentos en servizos básicos para o municipio, incluídos no artigo 26 da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local. Valorarase ata 10 puntos.
  2. Número de membros que compoñen a Agrupación ou Asociación. Valorarase ata 10 puntos.
  3. Número de habitantes da comunidade ou municipio beneficiados, ata 10 puntos.
  4. Importancia do investimento en función de: tipo de investimento, impacto e alcance territorial, colaboración con outras entidades (de se-lo caso) e calquera outro indicador que permita valora-la súa incidencia de cara ó fomento do investimento, que a xuízo da Comisión de Avaliación se deba considerar. Valorarase ata 25 puntos.

NOVENA.- INSTRUCIÓN E RESOLUCIÓN
A instrución do procedemento de concesión de subvencións correspóndelle ó xefe de Servizo de Cooperación Municipal, quen realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos expedientes. Así mesmo, deberá elaborar un informe-proposta provisional, explicando e motivando a aplicación dos criterios de concesión establecidos na base oitava.

O informe-proposta provisional será sometido a estudio e avaliado pola Comisión de Valoración, órgano colexiado composto por:

  • Presidente:O Presidente da Deputación ou Deputado en quen delegue.
  • Vogais:O Presidente da Comisión Informativa de Cooperación Municipal e a Xefa de Servizo de Cooperación.
  • Secretario: Actuará como secretario, sen voto, un/unha funcionario/a do Servizo de Cooperación.

A Comisión de Valoración poderá recabar cantos informes estime necesarios para resolver e deberá emitir un informe-proposta definitivo no que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

O procedemento ordinario de concesión das axudas é o de concorrencia competitiva. Non obstante, o órgano competente poderá resolver, ó longo do exercicio orzamentario aquelas solicitudes que, por circunstancias novas ou causas imprevisibles e excepcionais non puideran presentarse no prazo sinalado, reservándose a estes efectos á Presidencia ata un 20 % do crédito total deste programa para a súa concesión directa, tal como se prevé na base 25.2ª das de execución do vixente orzamento provincial. As propostas de concesións de subvencións someteranse á aprobación do órgano competente, previo informe de fiscalización de Intervención.

Transcorridos seis meses, a partir do día seguinte en que remate o prazo de presentación da solicitude, sen que os interesados obteñan unha resposta expresa, entenderase desestimada a petición.

DÉCIMA.- REFORMULACION DE SUBVENCIONS
Os beneficiarios dunha subvención, por razóns xustificadas, poderán solicitar a reformulación da solicitude presentada cando o importe da subvención proposta sexa inferior ó solicitado. Será no momento da comunicación da proposta provisional de concesión cando os beneficiarios poidan reformular dita solicitude para axustar os compromisos á subvención asignada, e sempre antes de que o órgano competente acorde a concesión definitiva.
A solicitude de reformulación, que se acompañara dun novo presuposto, será informada polos órganos competentes e, deberá respectar o obxecto e finalidade da solicitude orixinal e demais requisitos condicións previstos nas bases desta convocatoria e demais normas reguladoras de subvencións.

DÉCIMO PRIMEIRA.- PUBLICIDADE
As asociacións/agrupacións veciñais que sexan beneficiarias, deberán darlle a adecuada publicidade do financiamento pola Deputación da actividade subvencionada do seguinte xeito:

  • Deberá facerse constar en todas as accións de comunicación ou publicidade (carteis, folletos, programas, placas, cartas, páxina web…) o apoio que recibe por parte da Deputación de Pontevedra. Isto farase incluíndo o logotipo da Deputación nun lugar visible en todas as comunicacións tal e como se indica no Anexo de publicidade.
  • Obrigatoriamente, ó remate da actividade subvencionada, deberá acreditarse o cumprimento desta cláusula coa presentación dunha breve memoria das accións de comunicación realizadas.
  • No Anexo de publicidade e na páxina web www.depo.es atopase o exemplo de tratamento que se lle debe dar á imaxe institucional da Deputación de Pontevedra.
  • Para dúbidas e/ou aclaracións cómpre contactar co Departamento de Imaxe Institucional da Deputación de Pontevedra a través do correo electrónico imaxeinstitucional@depo.es ou do teléfono 986804100.

DÉCIMO SEGUNDA.- MODIFICACIÓNS DE SUBVENCIÓNS
As subvencións concedidas entenderanse aceptadas se os beneficiarios non se opoñen ou rexeitan expresamente no prazo de dez días hábiles contados desde a súa notificación.

Unha vez recaída a resolución de concesión, poderase solicitar un único cambio ou modificación do seu contido se concorren circunstancias excepcionais, axeitándose ó establecido nas distintas normas desta convocatoria.

As circunstancias serán as seguintes:

  • Ter recibido axudas ou subvencións doutros organismos públicos ou privados, que cubran a totalidade do investimento.
  • Ter prioridade na realización doutro investimento que teña que acometer a Agrupación Veciñal, e non conte con crédito suficiente para levalo a cabo.
  • Algún impedimento administrativo ou doutro tipo que impida a súa realización.

Non se admitirá o cambio de aplicación ou modificación do investimento subvenciado, se non se solicita antes do día 31 de decembro de 2013 e sempre que existan razóns excepcionais que o aconsellen e así o decida o presidente ou deputado en quen delegue, posto que os investimentos deberán estar completamente rematados a 30 de xuño de 2014.

DÉCIMO TERCEIRA.- XUSTIFICACION E ABOAMENTO DAS SUBVENCIONS

  1. Os investimentos deberán estar executados, na súa totalidade, e xustificados a 30 de xuño de 2014.
    Se se produciran circunstancias imprevistas que impidan ó beneficiario rematar ou xustificar en prazo o investimento, este poderá solicitar unha prórroga.
    A petición de ampliación de prazos se formulará por escrito explicando as razóns que deben xustificar o seu outorgamento e sempre antes de que remate o prazo fixado no parágrafo primeiro. As condicións e o procedemento para a concesión da ampliación axustarase ó establecido no artigo 49 da Lei 30//92, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, de xeito que a prórroga non poderá exceder da metade do prazo estipulado para a execución e xustificación.
  2. Será esixida a xustificación do 100% do orzamento presentado para recibir a totalidade da subvención.
    No caso de que se xustifique un gasto inferior ó 100% do orzamento subvencionado, aboarase a parte proporcional da subvención.
  3. Para percibir as subvencións concedidas, de acordo con estas bases, cómpre presentar, directamente na Deputación Provincial, os seguintes documentos:
    1. Conta xustificativa dos gastos, na que se relacionarán as facturas ou documentos con valor probatorio no tráfico mercantil e administrativo (identificando: provedor, o C.I.F, o nº da factura, concepto e o importe) ata completar a totalidade do orzamento que serviu e base á concesión (Anexo IV).
      Os gastos xustificados deberán axustarse ós conceptos incluídos no presuposto inicial, non aboándose máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida.
    2. Facturas orixinais, ou fotocopias compulsadas, conformadas polo Presidente da Agrupación Veciñal, con indicación do DNI. Admitíndose só aquelas que inclúan a adquisición de materiais, subministracións ou aluguer de maquinaria. Deben achegarse facturas, como mínimo, polo importe da subvención concedida.
    3. Memoria explicativa do investimento realizado e dos resultados obtidos, debidamente asinada polo representante da Agrupación Veciñal.
    4. Declaración responsable de non ter recibido outras subvencións de Administracións Públicas ou detalle do financiamento obtido para a finalidade subvencionada e declaración responsable de que os ingresos obtidos non superan o custo da mesma. (Anexo IV).
    5. Acreditación de estar ó corrente das súas obrigas tributarias (do Estado e da Comunidade Autónoma), coa Seguridade Social e de non ter débedas, de ningún tipo, coa Deputación de Pontevedra, situación que determinará de oficio a propia Deputación, a través do Servizo Provincial de Intervención. (Anexo IV).
    6. Declaración da Agrupación Veciñal de darlle difusión ó investimento subvencionado, facendo constar a colaboración da Deputación-Servizo de Cooperación (Anexo IV), ademais de cumprir co disposto na Base Décimo Primeira sobre a publicidade (Anexo de publicidade). A este respecto o Servizo de Inspección dos investimentos comprobará que foi posto o cartel ou placa de publicidade da subvención concedida e, de non ser así, non sé procederá ó libramento da mesma.

Será necesario tamén o informe dos técnicos provinciais correspondentes, que será solicitado polo Servizo de Cooperación, ó obxecto de comprobar a realidade do investimento, e de que o executado se axusta ó previsto na memoria e no orzamento.

De acordo co disposto no parágrafo primeiro da presente base, unha vez finalizada a execución do investimento, a documentación acreditativa do gasto efectuado debe remitirse ó servizo de cooperación tendo como data límite o 30 de xuño de 2014. Transcorrido este prazo sen achegar a mesma, os servizos administrativos do servizo de cooperación requirirán o beneficiario para que no prazo improrrogable de quince días a presenten. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste apartado non eximirá ó beneficiario das sancións, que conforme, a Lei Xeral de Subvencións, lle correspondan.

O remate do prazo adicional sen achegar a documentación xustificativa poderá dar lugar á perda do dereito ó cobro da subvención.

O aboamento da subvención practicarase directamente á Agrupación Veciñal na conta bancaria indicada por esta.

DÉCIMO CUARTA.- DEVOLUCIÓN E REINTEGRO
As axudas concedidas deberán devolvelas ou reintegralas nos seguintes casos:

  1. Por obtelas falseando as condicións requiridas.
  2. Por non aplicala ós fins para os que foi concedida.
  3. Por incumprir o beneficiario as obrigas asumidas e as condicións fixadas nestas bases.

As responsabilidades anteriormente citadas esixiranse de acordo co procedemento previsto na Lei de réxime xurídico das Administracións Públicas. Así mesmo, o reintegro das cantidades efectuarase de acordo co procedemento previsto no Regulamento Xeral de Recadación.

DÉCIMO QUINTA.- APROBACIÓN DAS BASES
De acordo co establecido na Base 16.2 das de execución do orzamento para o 2013, e dando cumprimento ó establecido no artigo 18 da Lei Xeral de Subvencións e demais lexislación aplicable, o órgano competente para a aprobación destas bases é a Xunta de Goberno.

DECIMO SEXTA.- DEREITO SUPLETORIO
Para o non disposto nas presentes bases, contemplarase o establecido nas bases de execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2013, na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real Decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións e demais lexislación aplicable.

DECIMO SÉTIMA.- RECURSOS
Contra o acordo da aprobación destas bases que pon fin á vía administrativa poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, perante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó desta publicación (artigos 107 e 117 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, modificada pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro), ou ben, directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra segundo o disposto nos artigos 8 da Lei 29/1988, de 13 de xullo Reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa, e todo iso no prazo establecido no artigo 46 da citada Lei.
Todo isto sen prexuízo de que poida interpoñerse calquera outro recurso que se considere pertinente.

ANEXOS DA CONVOCATORIA E MODELOS DE PRESENTACIÓN DE DOCUMENTACIÓN:
Todos os anexos referidos nas presentes bases ou modelos normalizados para a solicitude e a xustificación destas subvencións serán facilitados no Rexistro Xeral da Deputación, no rexistro da súa sé de Vigo, no propio Servizo de Cooperación ou ben a través da súa páxina web www.depo.es.

Pontevedra, 22 de xaneiro de 2013.


Boletín Oficial da Provincia, data 28/01/13, número 19, páxina 10, anuncio 2013000655.

Páxina Seguinte Páxina [1] 2 3

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 11/02/2013 12:01
Copyright © 2002-2024, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/