DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA
PLAN AGRUPADO DE FORMACIÓN CONTINUA PARA O ANO 2004
No Marco do III Acordo de Formación continua nas Administracións Públicas e con cargo á subvención do Instituto Nacional de Administración Pública (INAP) para o Plan Agrupado de Formación Continua do ano 2004, a Comisión de Goberno desta Excma. Deputación Provincial en sesión celebrada o día 26 de marzo de 2004, acordou aproba-la convocatoria das accións formativas programadas no Anexo I coa participación dos concellos interesados, Instituto Nacional de Administración Pública, Academia Galega de Seguridade e o Centro de Estudios Locais de Galicia, que se rexerá polas seguintes bases:
PLAN AGRUPADO DE FORMACIÓN PARA O PERSOAL DA ADMINISTRACIÓN LOCAL DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA
De conformidade co plan integral de formación organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra con cargo á axuda do Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), no marco do III Acordo Nacional de Formación Continua para as Administracións Públicas, convócanse os cursos de formación do ano 2004 que figuran no Anexo I, consonte as seguintes:
B A S E S
1.— DESTINATARIOS Persoal da Deputación Provincial e dos Concellos que se adheriron ó Plan Agrupado de Formación, do que forman parte os Concellos de: Arbo, Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas de Morrazo, A Cañiza,Catoira, Cerdedo, Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Agolada, O Grove, A Garda, Illa de Arousa, A Lama, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Pontecaldelas, Pontecesures, Porriño, Portas, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda, Salvaterra do Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vilagarcía, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa, así como o persoal que presta servicios no ORAL.
En cada acción formativa do Anexo I detállase o perfil dos asistentes.
2.— SOLICITUDES As persoas que desexen participar nos cursos programados deberán solicitalo no modelo oficial de instancia que figura ó final da Convocatoria, Anexo II cuberto en tódolos epígrafes.
As solicitudes dirixidas ó Ilmo. Sr. Presidente da Corporación Provincial presentaranse a través do Rexistro Xeral deste Organismo Provincial ata o día 26 de abril de 2004. (Prazo ampliado ata o 27 de maio de 2004).
A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección dos aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso e á imposibilidade de participar en calquera outro curso este ano.
3.— SELECCIÓN Os participantes serán seleccionados consonte os seguintes criterios:
- Que exista unha relación entre o contido do curso e as funcións exercidas polos solicitantes no seu actual posto de traballo.
- Proximidade xeográfica do lugar de impartición.
- Ter realizado nos últimos cinco anos un menor número de cursos relacionados co contido temático do que se solicita.
- Os que posúan o menor número de cursos realizados nesta Deputación, Escolas, Institutos de Administración Pública ou outros similares.
- Antigüidade.
4.— MODIFICACIÓNS A Deputación Provincial resérvase a facultade de interpretar e resolve-las incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento dos cursos, así como de cancelalos se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.
5.— CERTIFICADO DE ASISTENCIA Outorgaráselles un certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade nos cursos, sempre e cando a súa inasistencia (con ou sen xustificación) non sexa igual ou superior ó 15 % das horas lectivas programadas. A superación deste límite, sexa cal sexa a causa, imposibilitará a expedición do certificado.
6.— CURSOS CON PARTICIPACIÓN DOUTRAS INSTITUCIONS Os cursos organizados por esta Excma. Deputación Provincial dentro deste Plan Agrupado de Formación en colaboración có Celga, o INAP ou a Academia Galega de Seguridade, rexeránse polo disposto nas bases específicas de cada convocatoria, publicadas no BOE ou no DOGA.
Pontevedra, 22 de marzo de 2004.
O PRESIDENTE, Asdo. Rafael Louzán Abal |
O SECRETARIO XERAL, Asdo. Rogelio Nicieza de la Cerra |
|