[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
XOVES, 28 DE MARZO DE 2024
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Cultura » Cultura
Páxina Principal
Servizos
Cultura
Subvencións
Plan Cultural
Colaboracións
Premios
Programas educativos-culturais para escolares
Exposicións e certames
Concurso de Rondallas
Bienal Internacional de Arte
Certame novos valores
Certame de bandas de música
Concursos zonais de bandas
Exposición da camelia
Festival Bandas
Festivais de Corais
Festival Habaneras
Ligazóns

Páxina [1] 2 3 4 5 6
CULTURA 

Deputación de Pontevedra

XII Certame Provincial de bandas de Música

Bases | Formulario de solicitude
Bandas inscritas
Aviso cambio de datas | Orde actuación
Programa | Xurado | Compositores
Bandas

A Xunta de Goberno desta Deputación Provincial na súa sesión ordinaria do día 6 de xullo de 2012, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

BASES
XII CERTAME PROVINCIAL DE BANDAS DE MÚSICA
“DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA”

PRIMEIRA.-
A Deputación de Pontevedra no seu afán de colaborar co desenvolvemento e a actividade das bandas de música da nosa provincia convoca o XII Certame Provincial de Bandas de Música “Deputación de Pontevedra” que terá lugar os días 19, 20 e 21 de outubro no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa.

SEGUNDA.-
Dado o carácter promocional que pretende este certame, poderán optar a participar todas as bandas de música federadas, na Federación Galega de Bandas de Música Populares, da provincia de Pontevedra que o desexen.

TERCEIRA.-
Limítase o número de bandas de música participantes e o seu número de músicos, segundo as distintas categorías a: * Sección especial: 3 bandas participantes de 76 a 115 músicos * Sección primeira: 5 bandas participantes de 61 a 75 músicos * Sección segunda: 6 bandas participantes de 46 a 60 músicos * Sección terceira: 8 bandas participantes ata 45 músicos

Nesta clasificación de seccións inclúese a posible colaboración en cada banda de música de cinco instrumentistas alleos para a sección terceira, cinco para a sección segunda, seis para a sección primeira e oito para a sección especial. Ningún músico estará autorizado para actuar en dúas bandas de música inscritas na mesma sección. Para que unha sección poida constituírse será necesaria a concorrencia á mesma dun mínimo de dúas bandas. No caso de que só haxa unha banda inscrita nunha sección, dentro do prazo previsto nas bases, instarase a esta banda a participar na sección anterior ou na posterior de ser o caso.

CUARTA.-
Sobrepasado o número de bandas de música inscritas por seccións e para establecer as participantes así como a orde da súa actuación realizarase un sorteo público no Pazo provincial, sede da Deputación, ante o presidente da Corporación ou deputado en quen delegue, e os membros do comité organizador.

As bandas de música que, unha vez admitidas e sorteadas, non participen na competición, salvo por causa grave xustificada, quedarán excluídas para poder participar no certame por un período de tres anos consecutivos, segundo o ditame do comité organizador.

QUINTA.-
Cada banda de música interpretará, fóra de concurso, un pasodobre cuxa duración máxima será de 5 minutos. Dentro do concurso cada banda interpretará unha obra obrigada, proposta polo comité organizador, e unha obra de libre elección. As bandas de música interpretarán en primeiro lugar a obra obrigada e a continuación a obra de libre elección. (A Deputación de Pontevedra non se fai responsable das xestións legais que lles poidan afectar ás bandas de música polo uso das partituras das obras de libre elección).

A duración das obras de libre elección e os tempos totais de desviación que se lle permite a cada agrupación serán os seguintes:

  • Sección especial: 20 ± 5 minutos
  • Sección primeira: 20 ± 5 minutos
  • Sección segunda: 15 ± 5 minutos
  • Sección terceira: 10 ± 5 minutos

O exceso será penalizado na puntuación do xurado.

SEXTA.-
O escenario e as instalacións sobre as que se desenvolva o certame serán os mesmos para todas as bandas de música participantes nunha mesma sección. A dita instalación será competencia exclusiva do comité organizador e non se poderán introducir modificacións que non efectúe este comité.

SÉTIMA.
O xurado estará composto por cinco personalidades do mundo da música como vogais, o presidente, que será o Ilmo. Sr. Presidente da Excma. Deputación Provincial, ou deputado en quen delegue, e un secretario, actuando o titular da institución ou funcionario en que delegue (con voz, pero sen voto).

En relación ás posibles causas de abstención dos membros do xurado, estarase ó disposto no art. 28 da Lei 30/92, de 26 de novembro.

OITAVA.-
As bandas de música terán dereito a percibir con cargo á aplicación 12/330.334.481.06 e en concepto de participación, as seguintes cantidades:

  • Sección especial: 3.400 €
  • Sección primeira: 2.800 €
  • Sección segunda: 2.200 €
  • Sección terceira: 1.700 €

NOVENA.-
Concederanse, dentro de cada sección, un primeiro, un segundo e un terceiro premio, ás bandas que acaden a maior puntuación. Cada membro con dereito a voto poderá concederlle de 0 a 10 puntos sen fraccións a cada banda de música participante no certame tendo en conta os seguintes aspectos: afinación, sonoridade (dinámica, planos sonoros, equilibrios harmónicos, etc.), interpretación e técnica, tanto na obra obrigada coma na de libre elección. A suma delas determinará os premios correspondentes.

As puntuacións maior e menor que os membros do xurado lle outorguen a cada unha das obras interpretadas, sempre que exista unha diferenza superior a tres puntos respecto á media, quedarán excluídas do cómputo total e serán substituídas pola media das tres restantes, sendo a puntuación total a resultante das sumas das parciais de cada unha das obras interpretadas.

DÉCIMA.-
A decisión do xurado darase a coñecer unha vez rematadas as actuacións de todas as bandas de música de cada sección, mediante unha acta que, asinada polos membros do devandito xurado, pasará a coñecemento do presidente ou o órgano competente en quen delegue para prestarlle a súa conformidade.

DÉCIMO PRIMEIRA.-
A Deputación de Pontevedra, de acordo co criterio do xurado, concederalles ás bandas de música que obteñan a máxima puntuación os seguintes premios:

1º Premio 2º Premio
Sección especial: 4.100 € 2.000 €
Sección primeira: 3.400 € 1.700 €
Sección segunda: 2.900 € 1.300 €
Sección terceira: 2.400 € 1.100 €

O importe destes premios imputaranse á aplicación 12/330.334.481.06.

Musical Pontevedra concederalles cheques por valor instrumental á terceira banda clasificada en cada unha das seccións por importe de:

3º Premio
Sección especial: 1.500 €
Sección primeira: 1.200 €
Sección segunda: 1.050 €
Sección terceira: 900 €

DÉCIMO SEGUNDA.-
As bandas de música inscritas interpretarán como obras obrigadas as seguintes:

Sección especial: Mártires da libertade Miguel Brotóns
Sección primeira: Visións Ángel Montes
Sección segunda: Camiño da Rogueira Ernesto Campos
Sección terceira: Suite silvestre Andrés Fernández Rodríguez

DÉCIMO TERCEIRA.-
O prazo de inscrición será de 20 días naturais a partir do seguinte ó da publicación das presentes bases no Boletín Oficial da Provincia. As inscricións deberán formularse mediante solicitude asinada polo representante legal de cada banda de música, segundo o modelo de instancia que se facilitará no Rexistro xeral da Deputación, no Servizo de Cultura ou na páxina web da Deputación: www.depo.es, presentándoa no Rexistro xeral da Deputación de Pontevedra:

  • Sede de Pontevedra: Avda. Montero Ríos, s/n (de luns a sábado)
  • Sede de Vigo: Rúa Oporto, 3 (de luns a venres).

A inscrición no certame implica a completa aceptación das súas bases.

Durante o período de inscrición, e no Servizo de Cultura, estarán a disposición das bandas de música, para a súa consulta, as obras obrigadas de cada sección.

DÉCIMO CUARTA.-
O comité organizador adoptará as medidas necesarias para informar, comunicar, enviar e recibir o material das bandas de música participantes no certame. Comunicada a súa inclusión ás agrupacións, estas teñen 15 días naturais para remitirlle ó Servizo de Cultura da Deputación Provincial o historial da banda de música, a súa foto e mailo currículo do director (todo isto debe presentarse en soporte informático), así como CINCO exemplares da partitura da obra de libre elección, indicando a súa duración e o título do pasodobre a interpretar. A non presentación das partituras no prazo indicado significará a renuncia da banda de música a participar no certame.

DÉCIMO QUINTA.-
Para o control dos instrumentistas das bandas de música participantes establécese o seguinte:

  1. Constitúese unha comisión de control, que estará formada por dous membros designados pola Federación Galega de Bandas de Música Populares, dous funcionarios do Servizo de Cultura da Deputación Provincial e un delegado observador de cada unha das bandas participantes na sección na que actúan. Esta comisión poderá delegar o control de firmas previo á actuación das bandas nalgúns dos seus membros.
  2. A comisión de control será a entidade competente para controlar e vixiar a composición dos instrumentistas das agrupacións participantes. Para estes efectos queda plenamente facultada para adoptar cantas medidas sexan oportunas para realizar a tarefa de investigación, vixilancia e control e requirir e solicitar a documentación que estime necesaria das bandas de música participantes, utilizando así mesmo calquera dato dos listados das agrupacións que posúe a Federación Galega de Bandas de Música Populares.
    Poderá formularlle ó comité organizador as propostas que considere convenientes, incluídas as referentes á cancelación da inscrición provisional e impeditivas de actuación da banda de música infractora así como a súa descualificación antes da decisión, aplicándolles a todas as agrupacións o Regulamento de cadros de persoal de bandas de música para efectos de certames competitivos establecido pola Federación Galega de Bandas de Música Populares.
  3. Cada banda de música deberá comparecer cos seus propios músicos, sen reforzarse ou completarse con intérpretes doutras agrupacións musicais, salvo os alleos expresamente permitidos nestas bases. O criterio básico de adscrición dun músico a unha banda de música é pertencer a esta de maneira real e efectiva. Para acreditalo achegarán: DNI ou pasaporte.
  4. Todas as bandas de música presentaranse no lugar da actuación, coa antelación suficiente, conforme ós horarios que fixe a organización.

A banda de música que no momento da súa actuación non estea presente no lugar no que se desenvolva o certame quedará eliminada automaticamente.

DÉCIMO SEXTA.-
O comité organizador é o órgano de goberno, administración e coordinación de todos os aspectos do certame. Adoptará as medidas necesarias para informar, comunicar, enviar e recibir o material das bandas de música participantes no certame.

O comité organizador tomará as medidas oportunas para asegurar o correcto desenvolvemento do certame. No caso de que algunha proba teña que ser aprazada ou interrompida por causa xustificada, o comité arbitrará as medidas oportunas para o seu posterior desenlace.

As decisións tomadas polo comité organizador na execución e desenvolvemento das presentes bases e todas aquelas cuestións non previstas resolveraas, en cada caso, de maneira irrevogable o propio comité.

A sede oficial do comité organizador do certame será no Servizo de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra.

Finalizado o certame, cada banda de música participante que o solicite poderá coñecer no Servizo de Cultura as actas do xurado cos resultados obtidos con respecto á súa agrupación.

DÉCIMO SÉTIMA.-
O comité organizador do XII Certame Provincial de Bandas de Música “Deputación de Pontevedra” estará constituído da seguinte maneira:

  • Presidente: o Ilmo. Sr. Presidente da Deputación de Pontevedra ou deputado en quen delegue.
  • Vogais:
    • dous representantes da Deputación de Pontevedra
    • un representante da Federación Galega de Bandas de Música Populares
    • o asesor artístico-musical do certame
    • o director técnico do certame
  • Secretario: o titular da Deputación ou funcionario en quen delegue

DÉCIMO OITAVA.-
Os membros do xurado e do comité organizador percibirán as indemnizacións correspondentes a axudas de custo e desprazamentos polas reunións nas que se redacte acta segundo establece o R.d. 462/2002, de 24 de maio, e actualizacións posteriores para o grupo 1. As asistencias percibiranse por asimilación, segundo as contías fixadas para os membros de tribunais de selección de persoal do grupo A.



Boletín Oficial da Provincia, data 12/07/12, número 134, páxina 9, anuncio 2012006804.

Páxina Seguinte Páxina [1] 2 3 4 5 6

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 19/10/2012 10:42
Copyright © 2002-2024, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/