A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Desenvolvemento Local e Fondos Comunitarios, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE), xestiona a segunda edición do obradoiro de emprego Mobilia. O seu obxectivo é formar, en alternancia coa práctica laboral, persoas maiores de 25 anos para que desenvolvan axeitadamente un oficio e logren unha adecuada inserción no mercado de traballo.
O obradoiro de emprego Mobilia I iniciou a súa actividade o 21 de decembro do 2009 e finalizará o 20 de decembro do 2010. Xorde como continuación do seu precursor, do mesmo nome, que tamén liderou esta institución provincial en 2008-2009, cuns excelentes resultados de participación e nivel formativo. Nesta ocasión, Mobilia I conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Emprego.
O obxectivo de Mobilia I é formar as persoas desempregadas nas especialidades de Soldadura e Carpintería Metálica e de Madeira, alternando con prácticas laborais, para que adquiran as destrezas profesionais necesarias para acceder ó mercado laboral coas garantías suficientes tanto por conta allea coma por conta propia.
Durante os doce meses de duración o alumnado-traballador construirá mobiliario urbano para diferentes concellos da provincia.
Obras que se van realizar a través de Mobilia I:
- Os perímetros de pistas deportivas multiusos en estrutura de aceiro galvanizado, na especialidade de Soldadura; e o forrado e acabado, na de Madeira.
- Na torre de vixilancia e na caseta de información turística a especialidade de Soldadura realiza a estrutura metálica sobre a que se colocan os acabados de madeira (paredes, solos, porta, xanelas...).
Polo tanto, as actuacións céntranse en tres tipos de construcións para diferentes concellos da provincia de Pontevedra:
- Pistas deportivas multiusos (9)
- Torres de vixilancia (2)
- Casetas de información turística (9)
Consta de 21 alumnos, que se distribúen da seguinte forma:
ESPECIALIDADE | HOMES | MULLERES | TOTAL | IDADES |
SOLDADURA | 9 | 0 | 9 | 28-51 |
CARPINTERÍA | 7 | 5 | 12 | 27-45 |
Os títulos e certificados que recibirán os participantes son:
Especialidade de Carpintería de Madeira
- Certificado profesional de carpinteiro e vernizador lacador
Especialidade de Soldadura
- Certificado profesional de Soldadura e Carpintería Metálica
|