[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
DOMINGO, 10 DE DECEMBRO DE 2023
   Está en » depontevedra.es » ..... » Patrimonio Documental » Patrimonio Documental Provincial » Servizos » Arquivos Municipais » Moaña » Introducción
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Patrimonio Documental Provincial
Arquivos Municipais
Moaña
Ficha técnica
Fondo. Norma ISAD(G)
Introducción
O local
A documentación
Cadro de clasificación
Inventario
Arquivo gráfico

Páxina 1 2 3 [4] 5 6 7 8 9 10
MOAÑA 

Introducción

O territorio do Concello de Moaña que se sitúa na comarca do Morrazo, ó oeste da provincia de Pontevedra, linda coa ría de Vigo e os concellos de Cangas, Vilaboa, Marín e Bueu.

Ocupa unha superficie total superior ós trinta e catro quilómetros cadrados, con trinta e cinco entidades de poboación dispersas nas súas cinco parroquias: San Martiño de Moaña, Virxe do Carme de Moaña, Meira, Domaio e Tirán, nas que residen preto de dezaoito mil habitantes.

Esta área xeográfica formou parte da provincia de Santiago ata a división constitucional e a reforma posterior que derivou na súa inclusión definitiva na provincia de Pontevedra. As parroquias de Moaña, Domaio e Tirán formaban parte da xurisdicción de Cangas con señorío do arcebispo de Santiago; pola súa parte, Meira constituía un couto por si mesmo con señorío do marqués de Valladares.

No proceso de establecemento constitucional dos concellos neste territorio, integrado no partido xudicial de Pontevedra, chegaron a existir concellos en Meira, Domaio e Moaña. No ano 1836 créase o Concello de Meira na división establecida para o partido xudicial de Pontevedra, xunto cos concellos de Pontevedra, Vilaboa, Berducido, Bueu, Cangas, Marín e Poio. Daquela o concello de Meira establécese con catro parroquias (Meira, Moaña, Tirán e Domaio) e cunha poboación de 3.303 veciños.

As modificacións reseñables que se produciron foron o cambio de denominación e capitalidade de Meira por Moaña, que se concede en 1874, e a segregación da parroquia da Virxe do Carme de Moaña, aprobada en 1955, da súa matriz San Martiño.

Deste funcionamento continuado do concello xorde un conxunto documental, conservado parcialmente, que foi obxecto de sucesivos tratamentos por parte de persoal do propio concello e do Servicio Técnico do Patrimonio Documental, derivando na actual situación, na que se dispón dunha superficie suficiente e adecuadamente equipada para a súa conservación, tratamento e consulta.

O primeiro proceso organizativo estable desenvolveuse co cadro de clasificación proposto no seu día polo grupo de arquiveiros de Madrid; con posterioridade, levouse a cabo o proceso de adaptación á nova proposta elaborada a nivel nacional para os arquivos municipais, acometéndose dende entón sucesivas actuacións de reincorporación e a pertinente informatización dos instrumentos de descrición.

Páxina Seguinte Páxina 1 2 3 [4] 5 6 7 8 9 10

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 04/10/2007 10:55
Copyright © 2002-2023, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/