[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MARTES, 27 DE FEBREIRO DE 2024
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Símbolos da Deputación: escudo e bandeira
Información económica e financeira
Ordenanzas
Patrimonio da Deputación
Historia
Organismos Autónomos
ORAL
IPESPO
Museo
Escola de Canteiros
Turismo Rías Baixas
Caixa Anticipos
Partidos xudiciais
Teléfono de contacto
Atención ó cidadán
Aviso Legal

Páxina 1 2 [3] 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13
ORGANISMOS AUTÓNOMOS 

Estatutos do Organismo Autónomo provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL) da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra

CAPÍTULO 1
NATUREZA, DENOMINACIÓN E FINS

Artigo 1.—
A Deputación Provincial de Pontevedra, no exercicio das competencias que lle son propias, de acordo cos artigos 26 e 36 da Lei 7/1985, reguladora das bases de réxime local, e o artigo 30 do Real decreto lexislativo 781/1986, crea un organismo autónomo de carácter administrativo, con suxeición ó que preceptúa o artigo 85.2 b) e 85 bis da citada lei, segundo a redacción dada a estes pola Lei 57/2003, de 16 de decembro, de medidas de modernización do goberno local, todo isto en relación co artigo 7 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, coa finalidade de levar a cabo a xestión e recadación dos recursos dos entes locais e outros organismos que o soliciten e tamén a xestión de actividades catastrais segundo os convenios e a normativa que así o dispoña.

Artigo 2.—
O organismo autónomo provincial así creado denominarase “Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL)”.

O organismo, como entidade de dereito público, goza de personalidade xurídica propia e independente, plena capacidade xurídica e autonomía económica e administrativa para cumprir os seus fins, con suxeición ás leis.

Este organismo, creado e tutelado pola Deputación, adscríbese á súa área económico-financeira , dependente do deputado-delegado para asuntos económicos.

Artigo 3.—
O domicilio do organismo autónomo queda establecido na cidade de Pontevedra.

A estructura organizativa do organismo componse dos servizos centrais, situados na cidade de Pontevedra, e dos servizos periféricos, que comprenden as diferentes oficinas situadas naqueles municipios que resulte conveniente para unha mellor prestación do servizo.

O Consello rector queda facultado para acordar o traslado do domicilio dentro da cidade de Pontevedra.

Artigo 4.—
O Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL), ten por obxecto prestar os seguintes servizos:

  1. Formar e manter os padróns de tributos locais co alcance e condicións que se conveñan.
  2. Practicar as liquidacións para determinar as débedas tributarias e outros actos de xestión delegados.
  3. Recadar en período voluntario e en vía de constrinximento toda clase de tributos, así como outros ingresos de dereito público das entidades locais da provincia de Pontevedra, incluída a Deputación Provincial de Pontevedra.
  4. Xestionar e recadar os recursos doutras entidades de dereito público dentro do ámbito da provincia de Pontevedra.
  5. Colaborar en tarefas de inspección dos tributos locais, de acordo coas disposicións legais vixentes.
  6. Asesoramento xurídico en materia tributaria e defensa e representación xurídica ás entidades que delegaron a súa xestión.
  7. Asesoramento económico e contable en materia tributaria ás entidades delegantes.
  8. Prestar calquera outra actividade ou servizo conexo, derivado ou necesario, para a mellor efectividade dos anteriores, especialmente os relativos ás funcións catastrais segundo os convenios que se asinen e a normativa que así o dispoña.

Artigo 5.—
O organismo autónomo provincial rexerá o seu funcionamento segundo a normativa fixada nos presentes estatutos, polo regulamento orgánico e funcional que se aprobe e polas disposicións da Lei de bases de réxime local, texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, Lei xeral tributaria e regulamentos de aplicación, e Lei xeral orzamentaria. En materia laboral rexerase polo estatuto dos traballadores, polos convenios colectivos que se pacten e polo resto da normativa laboral que lle sexa de aplicación.

Páxina Seguinte Páxina 1 2 [3] 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 24/10/2007 13:23
Copyright © 2002-2024, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/