A documentación
A primeira actuación do Servicio Técnico do Patrimonio Documental no arquivo do Concello da Lama desenvolveuse no ano 1987, conseguíndose centraliza-la documentación nun só local e a instalación e disposición para a súa adecuada conservación e manexo. En sucesivas actuacións levouse a cabo a adaptación ó novo cadro proposto a nivel nacional para a organización de arquivos municipais, a incorporación de novos fondos documentais e a informatización dos instrumentos de descrición.
Rematado o último proceso de organización e descrición dos fondos documentais conservados no Concello da Lama inventariáronse un total de 1.892 unidades de instalación, con documentos que teñen como datas extremas dos anos 1839 a 2016, sendo en todo caso maioritariamente do século XX e téndose notado a existencia dalgunhas perdas documentais.
Consérvanse a práctica totalidade dos libros de actas do Pleno dende 1839, así como da Xunta Municipal de Asociados. A maior parte da documentación, seguindo o patrón típico dos arquivos municipais desta provincia, é recente e pertence ás seccións de FACENDA e SERVICIOS, especialmente relacionada coa xestión e control presupostario, con testemuños dende 1871, as contribucións territoriais rústica e urbana, dende 1877 e 1921 respectivamente, e o control e fomento urbanístico, dende 1922.
Dispón esta documentación de guía, cadro de clasificación, inventario somero e inventario detallado en soporte tradicional e informático, cun total, neste caso, de 17.968 rexistros, a disposición de posibles usuarios no propio Concello e no Arquivo da Deputación Provincial.
|