A documentación
Rematadas as sucesivas actuacións de organización e descrición dos fondos documentais conservados no arquivo municipal inventariouse un total de 2.754 unidades de instalación, con documentos que presentan unhas datas extremas do período interanual que vai dende 1819 ata 2012.
A maior parte da documentación corresponde ó século XX, con notables perdas documentais, especialmente sensibles no referido ós libros de actas do Pleno anteriores a 1885, e solamente con notables testemuños do século dezanove no tocante ás contas e presupostos municipais, á contribución rústica e urbana e, máis ocasionalmete ás quintas e milicias que son os documentos máis antigos (1836).
Este conxunto documental, hoxe correctamente disposto para o seu uso e manexo, dispón dunha completa gama de instrumentos de descrición que permiten a súa valoración e recuperación. O cadro de clasificación deste arquivo e o seu inventario somero complétanse cunha exhaustiva descrición, a nivel de expediente en moitas series, a disposición de calquera interesado tanto no propio concello coma no Arquivo da Deputación Provincial de Pontevedra, tanto en soporte papel (fichas) coma informático, nunha base de datos formada por 20.067 rexistros diferentes.
|