Introducción
O concello de Meis abarca a parte noroccidental do Castrove chegando ata o Umia, linda cos concellos de Vilanova de Arousa, Portas, Barro, Poio, Meaño e Ribadumia e está integrado no Partido Xudicial de Cambados.
Conta cunha superficie de 52 quilómetros cadrados, nos que residen algo máis de cinco mil habitantes, distribuídos en 96 entidades de poboación e sete parroquias: A Armenteira, San Martiño e San Salvador de Meis, San Tomé, San Lourenzo e San Vicente de Nogueira e Paradela.
Historicamente estivo integrado na provincia de Santiago, con diferentes xurisdicións: a de Cambados, con señorío do conde de Monterrei; a de San Tomé do Mar, con señorío do marqués de Monte Sacro; e as da Lanzada e Vilanova de Arousa, con señorío do arcebispo de Santiago.
Créase constitucionalmente este concello no ano 1836, dentro da configuración definitiva do Partido Xudicial de Cambados, coas mesmas parroquias actuais, sen máis cambios nestes anos de existencia que no referente á situación da súa capitalidade.
|