Biblioteca
A colección da Biblioteca actuou inicialmente como soporte e apoio ás actividades da Administración provincial, ofrecendo o seu servizo a todas as áreas de traballo da Deputación Provincial e complementando especialmente o fondo documental do arquivo.
A actividade bibliotecaria da Deputación ten as súas orixes a mediados do século XIX, a través da estreita vinculación que durante un longo período da súa historia mantén coa biblioteca de Pontevedra, creada en 1833 ó amparo de dúas institucións educativas instaladas uns anos antes, o Instituto e a Escola Normal de Mestres.
En 1868 a Biblioteca provincial instálase no Instituto de segunda ensinanza, cunha dotación económica de 800 escudos e baixo a supervisión de Indalecio Armesto; só sete anos despois xorden as primeiras inquedanzas por declarala de carácter público. Estas culminan en 1884, coa redacción dun regulamento no que se define a biblioteca como un establecemento provincial baixo a inmediata dependencia da Deputación; é dotada dun bibliotecario (Varela de la Iglesia), un auxiliar e un porteiro, establecéndose un horario fixo.
Tras uns prósperos anos iniciais, no último lustro do século XIX a Deputación parece perder o control sobre a biblioteca, ata o punto de que, a comezos do século XX, a situación do local é ruinosa, determinándose o seu traslado ó pazo provincial en 1907.
Non se puido determinar con claridade en qué momento se desvincula a Deputación da Biblioteca de Pontevedra, aínda que todo apunta a que este cisma se produce a partir do traslado a Facenda no ano 1920.
En 1933 a Deputación ordena que se investigue se existiu unha biblioteca da propia institución, definitivamente, na sesión do 13 de setembro de 1941, acórdase facultar á Presidencia para adquirir os libros básicos para a formación dunha biblioteca no arquivo da Deputación.
Durante os primeiros anos o bibliotecario foi Villamil; tras a marcha deste a Madrid, en 1955, a biblioteca da Deputación encontrábase dispersa entre a biblioteca de Pontevedra, onde foran depositados parte dos seus fondos, e a propia Deputación, cunha parte de exemplares entremesturados entre o arquivo e oficinas.
Hai constancia de que na sesión extraordinaria do 24 de maio de 1959 se acorda “que se lleve a efecto el proyecto expuesto por el Sr. Suárez-Llanos pocos días antes de morir, de convertir en biblioteca popular el actual local del Archivo”. A nova biblioteca denominarase Biblioteca Suárez-Llanos.
Coa marcha de Villamil o abandono da biblioteca foi absoluto, o extravío de volumes aumentou ata chegar a 1977, ano no que se cobre novamente cun profesional técnico (Miguel Pereira Figueroa) a praza vacante. A partir daquela comézase un labor de agrupación dos escasos restos existentes, non chegando a reunir máis de douscentos volumes. Coa intención de refacer unha biblioteca propia adquiríronse os materiais necesarios e acondicionouse o local, non alcanzado un orzamento propio ata 1979.
A partir dos anos oitenta ciméntanse as bases do que é a actual Biblioteca que, con preto de 20.000 monografías e outros tantos exemplares de publicacións periódicas, ofrece servizos de información e referencia, consulta e préstamo a domicilio. Conta para elo nas súas instalacións da Rúa Padrea Amoedo, nº 1 (edificio Arquivo Deputación) con espazos de atención ó público e unha sala con 18 postos de lectura e outros 5 dotados con terminais específicos para a consulta do catálogo bibliográfico e dos fondos dixitalizados.
Na actualidade o seu obxectivo fundamental, aínda que tamén custodia unha pequena cantidade de fondos de carácter xeral, consiste na reunión, conservación e difusión dunha colección o máis ampla e representativa posible de fontes de información bibliográfica referentes a Galicia en xeral e principal e específicamente á provincia de Pontevedra e todos e cada un dos seus diferentes concellos.
A biblioteca sitúase na Rúa Padre Amoedo, 1. 36002 Pontevedra
Teléfono - 886 201 000
Enderezo electrónico biblioteca@depo.gal.
|